17 de octubre de 2018
17.10.2018

"A primavera das letras sodes vós"

Máis dun cento de alumnos de tres colexios coruñeses homenaxean a María Victoria Moreno na sede da Real Academia Galega

17.10.2018 | 01:37
"A primavera das letras sodes vós"

A Real Academia Galega (RAG) volveu homenaxear onte a María Victoria Moreno. Desta volta, os discursos académicos foron substituídos pola ollada á vida e á obra da autora dos nenos dos tres colexios premiados na segunda edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras: o CEIP Anxo da Garda (A Coruña), o CPI Virxe da Cela (Monfero) e a EEI do Milladoiro (Ames). A radio, a poesía e a música encheron da súa man a institución no acto de entrega dos galardóns, que contan coa colaboración das editoriais Xerais, Urco Editora, Galaxia e Bolanda.

A RAG puxo en marcha o concurso Contádenos o voso Día das Letras dentro do proxecto web Primavera das Letras, que ofrece desde 2016 materiais lúdicos e didácticos arredor da figura homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas pensados para as etapas de infantil e primaria. Ao certame, concibido para coñecer e divulgar como celebran os centros educativos esta festa da lingua e da cultura galegas, concorreron este ano un total de 82 centros educativos de toda Galicia, con propostas que abranguen desde as artes escénicas á música para recrear o universo vital e literario de María Victoria Moreno.

Todos estes ingredientes estiveron presentes no acto de entrega dos premios, presentado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e conducido por Fina Casalderrey. Tamén interviñeron Pedro Ferriol, o viúvo de María Victoria Moreno; Francisco Castro, director xeral de Galaxia; Andrea Jamardo, de Urco Editora; e Teresa Rocamonde, responsable de comunicación de Bolanda. "A primavera das letras sodes vós", díxolles aos alumnos e alumnas Fina Casalderrey, quen lles deu a benvida á "casa das letras, a casa das palabras". "Aquí estúdanse as palabras, e tamén se curan aquelas que o precisan para despois deixalas voar libres, e para dalas a coñecer", explicoulles. A celebración foi, ademais, un recoñecemento público da profesión docente, que exerceu a escritora. "Moitas grazas a todo o profesorado, porque vós sodes o corazón da causa da lingua e desta Primavera das Letras que celebramos", expresou Víctor F. Freixanes. En nome da familia da autora, Pedro Ferriol tamén se referiu ao labor docente. "Os actos institucionais dedicados a María Victoria Moreno enchéronnos de emoción, pero moito máis aínda o fixeron os centos de colexios que a estiveron recordando ao longo deste ano con distintas mostras de cariño e amor cara a ela", agradeceu.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario


Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.