O Festival Internacional de Cinema Fantástico da Coruña celebra estes días a súa décima edición arredor das temáticas sexo, provocación e censura. Por este motivo, a artista e ilustradora seleccionada este ano é a ilustradora e artista multidisciplinar coruñesa Gairah Love, que amosa a escuridade dun mundo ambiguo liderado pola luxuria, a violencia e o romanticismo. Esta tarde falará no Zigzag da segunda canle Televisión de Galicia (TVG 2) súa obra, caracterizada por unha sexualidade moi marcada e unha temática vinculada ao sadomasoquismo, o bondage e a depravación.

O programa tamén recibirá no estudio a Fran Villasenín, organizador do Outono Fest, e a un membro do grupo The Manueles, que participan nun festival que arranca hoxe mesmo en Santiago co mellor da música negra e cun selecto cartel cheo de soul, rock&roll, blues, rythm&blues, swing e boogies.

Ademais, o espazo daTVG 2 visitará na Galería Metro de Santiago a exposición de Xaquín Chaves Luces verdes na fronda, que quere ser unha chiscadela á poética que subxace no traballo máis recente do autor, de corte intimista e froito da madurez persoal e artística á que chega despois dunha longa e densa carreira marcada por un compromiso incondicional coa pintura. Supón ademais unha clara intención de celebración da natureza como espazo de percepción, reflexión, intercambio e vida.

'A Revista'

Por outra banda, no Día Mundial contra o Cancro de Mama, o programa A Revista da Televisión de Galicia (TVG) desprazarase ata un centro de venda de perrucas oncolóxicas. Alí explicarase en directo como realizar as doazóns de pelo e as oportunidades que outorgan estas perrucas.

No segundo dos directos, o programa da canle autonómica estará na vila arteixana de Caión, onde os seus cidadáns colaboran na limpeza das praias. De feito, A Revista acompañará o CEIP de Caión durante esta recollida de refugallo.

Nas entrevistas falarase das diferentes maneiras de afrontar o cancro. Loli Gómez falará cunha paciente con esta enfermidade, Verónica Sorribas, e cun psicólogo, Marcos Calvo.