Na súa edición deste sábado, o programa Zigzag da Televisión de Galicia (TVG 2) recibirá a visita do dramaturgo, director e actor Manuel Lourenzo, unha das figuras máis emblemáticas do teatro galego, que esta fin de semana recibe o Xograr de Outono no FIOT de Carballo, que recoñece con este galardón a traxectoria, o compromiso cultural e as achegas no mundo do teatro.

Ademais, o espazo presentado por María Solar nas fins de semana da canle autonómica ofrecerá un repaso da información cultural da semana na literatura, as artes, a música, o cinema e o teatro.

'A Revista'

Por outra banda, o programa A Revista Fin de Semana da TVG asistirá hoxe en directo en Redondela aos actos de conmemoración da Batalla de Rande. Veciños e visitantes poderán gozar e retroceder no tempo grazas a esta festa, que rememora a famosa contenda naval acontecida no ano 1702 no estreito de Rande, dentro da enseada de San Simón. A batalla enfrontou aos navíos da coalición anglo-holandesa e hispano-francesa, dentro do contexto da Guerra de Sucesión Española, e rematou coa vitoria inglesa.

De volta no estudio de gravación, a presentadora Almudena de Urzáiz conversará con Kiko Novoa e Xosé Valiñas, presentadores do programa da Radio Galega Galicia por Diante, un espazo que combina a información e o entretemento e que cada mañá conta con seis puntos de directo.