Para comer ben e con calidade en Galicia, o único que se precisa é ter ganas. Con esta premisa, o programa A Xantar! da Televisión de Galicia (TVG)volveralle abrir boca á audiencia propoñéndolle unha guía variada de establecementos gastronómicos da nosa terra.

Nesta edición, ofrecerase unha nova viaxe gastronómica por tres establecementos que, nesta ocasión, ofrecen cociña de produto. Así pois, o programa visitará o restaurante El Refugio en Oleiros, o restaurante D'Berto no Grove e o restaurante Pingallo en Ourense.

Ademais, na noite gastronómica da TVG, O Caderno de Isabel visitará o concello de Muros, polo que as receitas van estar moi pegadas aos froitos de mar. Da súa ría van saír os chocos que cociñará cun emigrante retornado ao xeito muradán, pero os espectadores tamén coñecerán de preto un marisco que se deixou de comercializar, pero que hai décadas quitou da fame moitos veciños de Muros: as orolas. A cociñeira do programa verá como se poden cociñar ao natural, pero tamén enceboladas e rebozadas.

Se hai unha sobremesa que caracteriza a Muros é a que se introduciu por parte dun europeo que chegou ao porto desta vila mariñeira en barco e lle mostrou a unha veciña, Petra, un doce con moita historia: a tortilla romana, que esta noite preparará con moito agarimo a bisneta que herdou a receita. Para amosar todas estas receitas de cociña tradicional, Isabel percorrerá varios quilómetros no seu pintoresco coche e mesmo chegará a pasar a noite no concello próximo de Outes, nunha cabana suspendida dunha árbore. Ao día seguinte, moitos muradáns serán convidados a degustar os pratos elaborados durante o programa nunha xuntanza final no peirao de Muros, en plena ría.

Momentos coma o xeito de mariscar as orolas na praia ou ver as capas que leva o famoso e fermoso traxe muradán fan deste programa un formato televisivo gastronómico diferente.

Ademais, os Larpeiros manterán unha conversa sobre o traballo que existe tras todas as cousas ricas e boas das que se goza nas mesas, coma o leite, o queixo, a froita, as verduras, os peixes ou os mariscos.