A cuadraséximo primeira edición dos Premios da Crítica de Galicia congregou onte no Pazo-Hotel Os Escudos de Vigo a trescentas corenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural. Entre eles, a maioría dos premiados deste ano xa que un dos galardóns, o de Creación Literaria, foi para o recentemente falecido Xabier P. Docampo e o de Cine e Artes Audiovisuais recaeu no director de Matria, Álvaro Gago, que non puido asistir por atoparse en Londres.

Os demais galardóns foron para o catedrático de Química Orgánica da Universidade da Coruña (UDC) José Luis Mascareñas (na categoría de Investigación), a poeta e xornalista Ana Romaní (Iniciativas Culturais e Científicas), a cantante e multiinstrumentista coruñesa Mercedes Peón (Música), o arquitecto Javier Alonso de la Peña (Artes Plásticas), a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (Artes Escénicas) e a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Cultura Gastronómica).

As distincións déronse a coñecer no decurso dun xantar conducido por Afonso Vázquez Monxardín e que foi inaugurado por Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios Amigos da Crítica Galicia. Durante a súa intervención, lembrou a traxectoria dos premios e defendeu a pervivencia da lingua galega como o seu celme.

Entre os presentes, ademais dos premiados e dos máis de medio cento de integrantes dos diferentes xurados, atopábanse tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de políticas culturais; e Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, entre outros.

Ao lema elixido para o evento, Espigar, fixeron referencia tamén os demáis intervintes, entre eles Abel Caballero, quen loubou o compromiso pola cultura da Fundación "dende aqueles tempos donde lanzar esta idea tiña o risco da sanción e a cárcere, porque era una aventura perigosa falar de cultura hai 40 anos".

Amenizado pola música do cuarteto Caramuxo, o acto comezou otorgando o premio de Creación Literaria a Xabier P. Docampo, falecido o pasado xuño, que recolleu no seu nome o seu fillo, Daniel Bello. A distinción otorgouse por A nena do abrigo de astracán, unha obra que "culmina unha traxectoria creativa", salientou o xurado.

A exitosa carreira investigadora no ámbito da Química biolóxica do director do Cicus, José Luis Mascareñas, foi motivo do premio de Investigación. "É o único investigador en Galicia que, traballando dende o país, conseguiu un Advance Grant do ERC, o que supón a atracción de fondos europeos para fomentar a investigación en Galicia", apuntouse onte.

"O labor a prol da visibilidade, promoción e difusión da nosa cultura" foi un dos motivos para conceder o Premio de Iniciativas Culturais e Científicas a Ana Romaní, exdirectora do programa Diario Cultural da Radio Galega.

Mercedes Peón, recibiu o premio de Música polo seu "compromiso coa investigación e documentación do patrimonio musical de tradición oral, un aspecto no que un claro referente". Tamén por ser artífice dunha sonoridade propia innovadora sempre na procura de fórmulas abertas, fóra de corsés, cualidades apreciadas en escenarios de todo o mundo.

A intervención de Javier Alonso de la Peña na Catedral de Santiago e a súa implicación durante máis dunha década motivou o premio de Artes Plásticas.

Pola súa banda, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, en Pontevedra, acadou o premio de Artes Escénicas por ser un "espazo de encontro desde o tan necesario humor, baseado nunha programación de calidade na procura de novos públicos e espazos".

Álvaro Gago acadou o premio de Cine e Artes Audiovisuais por por Matria, "que representa o mellor do noso cinema: o risco narrativo ao fusionar a ficción e recursos documentais".

Por último, o premio de Cultura Gastronómica foi para a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) polo seu "impacto en todo o territorio, asenta poboacións en contornas rurais, incorporar xente nova e coidar colateralmente o medio ambiente".