A Consellería de Educación recoñece a excelencia educativa de 20 alumnos nos premios extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2017/2018. Cada galardón está dotado cunha contía de 1.000 euros e da exención do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público. Ademais supón a anotación da distinción no seu expediente académico, a concesión dun diploma acreditativo e a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de Bacharelato. Para concorrer a estes galardóns era necesario ter unha cualificación final media nos dous cursos de Bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos. No caso dos galardoados deste ano, un 20% dos premiados obtiveron unha nota media entre 8,75 e 9,75 e un 80% entre 9,75 e 10. Ademais, os aspirantes aos premios realizaron unha proba en dúas partes. Por provincias, 10 alumnos pertencen á Coruña: Ángela Carballal Barca e Pablo Pereira Angueira, do CPR Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, Irene Fraga Cuña do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago; Paula Gavilán Suárez do IES Manuel Murguía de Arteixo, Alejandro González Santos do IES Nº 1 de Ribeira; Claudia Lamas Fernández do IES Terra de Trasancos de Narón; Hugo Paz Prieto do IES Saturnino Montojo de Ferrol; Alejandro Recouso Ferreiro do CPR Plurilingüe Liceo La Paz da Coruña; Enrique Salvado Vigo do IES Antonio Fraguas Fraguas de Santiago de Compostela e Iria Sanjuán Casanova do IES Concepción Arenal de Ferrol.