O programa Pescadores de historias achégase mañá na Televisión de Galicia (TVG) ao Muro, un dos símbolos máis duradeiros no tempo da cultura mariñeira coruñesa. É como se denomina a lonxa nesta cidade xa desde tempos moi antigos, cando só había un espazo aberto para vender o peixe. A actual lonxa da Coruña é unha nova edificación que comezou a operar en 2004. Nela traballan diariamente máis de 3.000 persoas e venden o seu peixe 170 barcos de altura e baixura, cun movemento anual de 40.000 toneladas de peixe e marisco fresco. Pero, sobre todo, o Muro da Coruña é o espazo central da historia desta cidade.

O espazo da TVG iniciará o seu achegamento ás historias do Muro falando con Sonia Revert, que leva xa tres décadas traballando na lonxa e actualmente é a presidenta do colectivo de poxadores. Un extraordinario coñecedor da vida que ferve no Muro é Nacho Iglesias, que, como xefe de cancha, organiza o traballo, asegurándose de que todo está correctamente disposto para que nada poida fallar.

X.H. Rivadulla Corcón acompañará a Serafín Mourelle, figura de referencia na pesca coruñesa, con toda unha vida no Gran Sol, nun paseo polas instalacións exteriores do muro. El coñece ben as historias deste lugar porque forma parte da súa historia e amosará os distintos emprazamentos onde estivo a lonxa ao longo do tempo.

Por outro lado, o equipo de Pescadores de Historias embarcará no Primeiro Villar para falar co seu patrón, Xosé Iglesias, que leva catorce anos vendendo peixe no Muro.

O programa da TVG tamén estará con Antonio Caridad, probablemente a persoa viva que máis tempo pasou como traballador do Muro, xa que comezou con catorce anos a carrexar peixe e sendo aínda moi novo xa empezou a realizar a poxa. O Muro é, sen dúbida, a súa propia casa, formando parte inseparable da súa historia persoal e ninguén como el pode dar testemuño das súas transformacións.

Para comer o peixe que se vende na lonxa da Coruña, Pescadores de Historias visitará a A Chencha pertencente ao percebeiro Xulio Montero, quen tamén ten a súa historia vinculada ao Muro. Para xantar, Montero preparará unhas luras, mercadas, por suposto, no Muro da Coruña.