A Televisión de Galicia (TVG) celebra mañá pola noite coa súa audiencia o San Martiño ofrecendo un especial en que, desde o interior á costa, irá á procura de O mellor magosto do mundo, evento popular multitudinario en numerosas localidades galegas en que se resalta a castaña como protagonista. Para este cometido, as reporteiras deste programa especial -Natalia Penas, Fátima Mella e Belén Rivero- recollerán anécdotas, as mellores receitas, as tradicións e as historias das persoas, que acoden a celebrar a principal festa gastronómica do outono.

Este escolma de celebracións en busca de O mellor magosto do mundo comeza na vila de Carballo, máis concretamente na parroquia de Cances, que acolle un dos magostos máis tradicionais desde o punto de vista dunha vila pequena. Nesta festa repártense castañas asadas acompañadas de viño e tamén de biscoitos con chocolate.

Tamén na provincia da Coruña, na parroquia de Calo, en Teo, se celebra unha das maiores feiras cabalares de toda Galicia, a do lugar de Francos. Milleiros de persoas danse cita neste emprazamento para asistir, amais, á exposición de razas de gando autóctonas, á feira de artesanía e de produtos ecolóxicos e para ir degustar o mellor polbo da zona.

A parroquia de San Martiño, no concello pontevedrés de Moaña, rende homenaxe ao seu patrón con actos relixiosos e musicais. Neste percorrido non podía faltar Vigo, xa que a súa praza do Berbés acolle un dos magostos urbanos máis concorridos, con quilos e quilos de castañas asadas de balde que se degustan ao ritmo da música tradicional.

Outra das localidades destacadas nesta data é Parada de Sil, concello ourensán que conta con destacados soutos, con grandes castiñeiros. Un equipo do programa participará na 12 edición da Andaina da Castaña para Cativos, unha ruta de 3,5 quilómetros que percorre os castiñeiros das Carriozas e onde se aprenden todas as peculiaridades sobre estas árbores milenarias e o seu froito.

Pero, sen dúbida, os magostos máis numerosos e con máis tradición de Galicia teñen lugar na cidade de Ourense. O mellor magosto do mundo visitará o Monte Alegre, onde se xunta a xente máis nova para facer as súas cacharelas e celebralo desde mañá á noite. Recalará tamén no parque do Barbaña, onde se reúnen milleiros de veciños para vivir un dos acontecementos máis importantes da cidade, e nos barrios do Couto, A Ponte ou Barrocás.

No apartado musical, o grupo Os Melidaos, desde a localidade lucense de Palas de Rei, será o encargado de amenizar o espazo cos seus sons tradicionais.