A Revista da Televisión de Galicia (TVG) estará hoxe en directo dende a vila coruñesa de Betanzos con Carmen, unha peiteadora moi especial. Ademais do seu traballo habitual, Carmen peitea e realiza a pedicura a galiñas para presentalas a desfiles de beleza.

Tamén haberá oco no espazo de hoxe para o deporte. O programa falará dun deporte que conta con cada vez máis adeptos, o Nordic Walking. O programa estará en directo en Vigo, onde se realizan rutas desta modalidade deportiva nun medio natural.

No eido das entrevistas, hoxe visitarán A Revista Carmen Méndez e Miguel Pernas, actores de Pazo de Familia. A serie retorna este mércores a TVG e os seus actores falarán de todas as novidades que lles agardan as súas personaxes.

O colaborador médico do programa, Ignacio Balboa falará este mércores da resistencia aos antibióticos.

'Pasaporte galego'

Por outra banda, o programa Pasaporte galego atoparase hoxe con Anxo Pérez, escritor, empresario e influencer fisterrán, que desde Galicia fai patria polo mundo. Anxo fala 9 idiomas, foi intérprete para o FBI, traballou na ONU e ata con Obama e é o creador de 8 Belts, método para aprender un idioma en menos de oito meses. Anxo Pérez vive en Madrid e viaxa por todo o mundo dando conferencias sobre o éxito persoal e profesional. Publicou varios libros, algúns dos cales xa van pola súa vixésima edición.