A Televisión de Galicia (TVG) estrea esta noite os derradeiros capítulos de Pazo de familia e, por primeira vez na historia da canle pública, os espectadores van poder escoller o final que queren para a súa serie. O equipo da ficción gravou dous finais distintos e van ser os seguidores de Pazo de familia os que decidan o seu desenlace preferido.

Nesta recta final, os espectadores saberán como se van resolver as frontes que aínda quedan abertas: como remata o triángulo Sara-Emilio-Eva? Que vai pasar cos negocios sucios de Carlos e dona Leonor? Sairá Nino do cárcere? Quen resultará vencedor da guerra aberta entre os Pardo-Veiga e os Moure?

Ademais, o final de Pazo de familia trae importantes novidades. Os seguidores da serie terán que lamentar a perda dunha das personaxes máis queridas. Tamén antes do final se producirá un terrible asasinato. Os espectadores reencontraranse con vellos coñecidos, xa que volverán ver as personaxes de Lolo e María, os fillos de Sara, e tamén vivirán unha voda por todo o alto. Quen casa con quen? Celebrarase o enlace sen incidentes?

Esta última temporada de Pazo de familia comeza cun capítulo que terá un final moi triste. Tomás substitúe na xudicatura a Mónica, investigada por asociación criminal. Isto provoca que Moncho teña que fuxir. Será que Sara o acompaña e algo se torce na súa viaxe?

Por outro lado, descóbrese que os matóns que lle deron a malleira a Alberto foron contratados pola súa propia nai para afastalo de Claudia. Será que as familias dos rapaces están dispostos a ir aínda máis alá para que non acaben xuntos?

Terá que ver ese final triste con Nino ou con Rita, disposta a calquera cousa para sacalo do cárcere, ata roubarlles aos Pardo Veiga? Ou mesmo con Marisiña e Tomaso, preocupados polos preparativos para a visita do señor Cosme?

'Vin polo vento'

Ademais, a TVG renderá homenaxe á serie cun programa especial de Vin polo vento. Os actores Luís Iglesia, Mayka Braña, Alberto Rolán, Arturo Santos Zas, Beatriz Serén e Marta Doviro serán algúns dos protagonistas dunha noite moi especial que será o punto de arranque do final de Pazo de Familia. Os espectadores coñecerán tamén ás veciñas de en fronte do pazo, que debullarán os segredos mellor gardados dos Pardo Veiga.