A Televisión de Galicia (TVG) ofrecerá o luns pola noite Fun Polo Aire VIP. A Noite dos Ortega, un especial onde os espectadores galegos poderán ver en imaxes todo un repaso do que foi ao longo da fin de semana a voda do ano en Galicia, o enlace de Marta Ortega e Carlos Torretta. Neste programa ofrecerase un resumo dos dous días que durou o evento e no que as cámaras do programa estiveron a pé de rúa nos principais escenarios do enlace: a casa familiar; os hoteis onde se aloxaron os 400 convidados; o Real Club Náuticico da Coruña, que acolleu a primeira cena cóctel do enlace e no Centro Hípico de Casas Novas, onde se celebrou a gran festa.

Ademais do resumo de todo canto aconteceu ao longo da fin de semana durante a celebración da voda, este especial tamén ofrecerá algunhas reportaxes sobre outros aspectos da vida persoal e profesional de Marta Ortega.

A continuación, a TVG ofrecerá a produción O soño logrado, que se achega á incrible vida de Amancio Ortega e ao modelo de negocio que fixo de Inditex unha das maiores compañías de distribución de moda do mundo. Este proxecto audiovisual de Emociona Ficción repasa a vida de Ortega e o seu imperio a través dun formato orixinal denominado movie doc, que une ficción e documental.

Baixo o guión e a dirección de José Ortuño e con Fran Paredes, Mariana Gatell, Juanma Lara, Xabier Ortuzar, Tamara Canosa e Isabel Naveira coma protagonistas, o filme intérnase no éxito empresarial do emprendedor galego a través dunha trama de ficción en que os socios dunha grande empresa analizan nun gabinete de crise por que están a punto de crebar.

Os protagonistas repasarán a súa situación actual a través da análise do modelo de negocio en que se inspiraron para crear a súa compañía: a empresa Inditex de Amancio Ortega. As desavinzas persoais acabarán por afectar a todos.

A parte documental supón o 50% de O soño logrado, que inclúe testemuños reais, análises de expertos, entrevistas, prensa, imaxes de arquivo e documentos gráficos. Achegarán a súa visión sobre Ortega e Inditex, entre outros, os economistas José María O´Kean, Daniel Lacalle e María Cadaval, os deseñadores Manuel de Vivar e Cristina Rodríguez, os xornalistas Jesús Salgado, Xabier R. Blanco e Luís Fraga e as modelos Eva González e Garbiñe Abasolo.

O movie doc é un xénero de que mestura ficción e documental a partes iguais. Deste xeito, a través dun suceso ou personaxe relevante, a realización inclúe unha ficción que entronca coa narración dunha historia real. Trátase dun formato innovador porque a fusión de ambas as dúas partes non se fai na edición, senón desde a base do guión.