29 de noviembre de 2018
29.11.2018
La Opinión de A Coruña
Cuatro décadas de información local Discurso del presidente de la Xunta

Feijóo: "Prensa Ibérica é un periodismo de proximidade e con arraigo"

"O meu desexo neste aniversario é que sigades adiante moitos anos máis cunha indiscutible galeguidade"

29.11.2018 | 02:01
Alberto Núñez Feijóo, durante o seu discurso.

1978 foi un ano memorable para a democracia. Nese ano naceu a Constitución Española. A coincidencia de que ao mesmo tempo nacese o grupo de comunicación que hoxe exerce de anfitrión obríganos a reflexionar sobre a simbiose que existe entre a liberdade política e a liberdade de prensa.

Non é posible unha sen a outra. Por separado son liberdades incompletas e sempre fráxiles. Xuntas proporciónanlle á sociedade unha fortaleza que non teñen outros sistemas de convivencia.

A nosa Carta Magna, igual que todas as que rexen a convivencia nos países democráticos, descansa sobre a idea de comunidade. Parte do principio de que homes e mulleres somos seres sociais que desexamos convivir e facer cousas xuntos.

Constata que as nacións non son construcións arbitrarias nin convencionais, senón que nacen de pobos que optaron por unirse e dotarse dunha identidade. Transforma ese nacionalismo que Romain Gary define como o odio aos demais, nun patriotismo entendido como amor aos propios.

En 1978 nace un patriotismo constitucional que axiña se completaría cunha descendencia filial de patriotismos autonómicos como os que sentimos en Galicia.

Grazas á Constitución e ao Estatuto de Autonomía, a Galicia moderna é "un pobo, unha terra, unha fala" e ademais unha ferramenta legal que garante as nosas liberdades.

¿Como cultivar ese "amor aos propios"? ¿Como establecer entre homes e mulleres que non se coñecen unha corrente de empatía que os leve a compartir sentimentos e inquedanzas? A resposta é a información e o diálogo mediante o instrumento que proporcionan os medios de comunicación.

Atrévome a suxerir que o triunfo desta experiencia democrática que se inaugura hai 40 anos, se debe en gran medida a grupos de comunicación que naceron ou se consolidaron hai tamén 40 anos. Creo tamén que os fracasos anteriores que recolle a nosa historia, en parte foron causados por un cativo desenvolvemento da prensa, ou un exceso de prensa doutrinaria que incomunicaba máis que comunicaba.

A razón deste éxito colectivo reside nuns medios de comunicación que tamén son plurais nos seus contidos e posicións, reflectindo nas súas páxinas unha sociedade aberta e tolerante onde nunca desaparecen as pontes.

Afirmaba hai pouco Javier Moll que o periodismo segue sendo unha profesión de risco. Referíase ao risco físico que sofren os profesionais da información en lugares en conflito, ou baixo réximes opacos que queren manter en secreto os seus excesos. Pero tamén hai no periodismo un risco empresarial.

Poucos "produtos" están sometidos a un plebiscito que xa non é diario senón instantáneo; poucos deben estar tan atentos ao pulso social, aos cambios e tendencias; poucos son resultado da suma de talentos profesionais dispares que deben ser estimulados e xestionados nas redaccións; poucos poden ser avaliados sobre a súa obxectividade ou subxectividade.

Entre eses cambios e tendencias está a aparición de "novas" redes sociais. Fago énfase no de "novas" porque o periodismo tradicional xa foi e xa é unha rede social aínda que con ferramentas tecnolóxicas diferentes.

Non deberíamos incorrer no erro de pensar que antes da aparición da Internet as sociedades vivían nun tempo escuro no que non existía a comunicación, ou era algo rudimentario. Tamén sería equivocado reaccionar diante dos novos formatos comunicativos coa mesma reacción apocalíptica coa que algúns recibiron o invento de Gutenberg.

Do mesmo xeito que a imprenta serviu para a difusión de obras que enriqueceron o xénero humano e libelos que sementaron o odio, as novas redes poden comunicar e incomunicar.

En consecuencia, o dilema non separa o periodismo tradicional das novas redes, senón a comunicación da incomunicación, ou dito doutra maneira, a palabra entendida como nexo da palabra usada como arma. Penso que a incomunicación e a palabra belicosa son inimigos que ameazan igualmente a democracia representativa, e o periodismo libre.

Non semella circunstancial que as mesmas forzas que censuran os fundamentos dos sistemas democráticos para substituílos por inconcretas democracias "directas", intenten socavar a comunicación para suplila con post verdades, insultos e rumores. Tanto o político como o periodista son considerados superfluos polos que consideran estorbos os parlamentos e os periódicos.

Por fortuna, a historia e mesmo a realidade contemporánea axudan a entender a finalidade deste tipo de argumentacións. Non se quere ampliar a liberdade senón reducila. Non se pretende que o debate social sexa máis rico, senón que se vexa ensombrecido polo alboroto e as descualificacións.

Nin o periodismo nin a política son irreprochables, pero actúan nun espazo de liberdade que permite e incentiva a renovación, a superación e o perfeccionamento.

Señoras e señores. La mejor información cerca de ti. Así reza o lema deste 40 aniversario de Prensa Ibérica. Cada grupo de comunicación ten unha identidade definitoria.

Neste caso Prensa Ibérica quere destacar a proximidade. É un periodismo de proximidade e con arraigo. Sábeno en todos aqueles territorios nos que existen cabeceiras do grupo, e sabémolo en Galicia, onde os homes e mulleres que preside Javier Moll abren todos os días un xornal en Vigo e outro na Coruña. Unha mesma empresa editorial e dúas cabeceiras nas áreas metropolitanas máis significativas do noso país, cada unha coa súa propia personalidade.

O meu desexo neste aniversario é que sigades adiante moitos anos máis cunha indiscutible galeguidade. Contrapoñer galeguidade e fervor local nin vai co signo dos tempos, nin responde á esencia dunha Galicia cada vez máis artellada.

E tamén que sigades adiante coa mesma lealdade á Constitución que vides practicando nestes últimos 40 anos. Porque a Constitución é a garante da nosa democracia e a democracia é a garante do periodismo libre.

Artellar identidades, harmonizar intereses, multiplicar forzas en lugar de dividilas, deixou de ser unha opción para converterse en obriga. Estamos presenciando procesos políticos nos cales o afán de separación se volve contra os separadores, provocando cismas en sociedades que cimentaran espazos comúns. Os galegos estamos nun Camiño diferente.

¿É preferible un Goberno sen prensa, ou unha prensa sen Goberno? Afortunadamente esa disxuntiva tan drástica formulada por Thomas Jefferson xa non é real nestas alturas do século XXI.

Precisamos de gobernos e de prensa. De bos gobernos e de boa prensa. A democracia precisa de sensores que avisen das inquedanzas que latexan na sociedade, e de aglutinantes das ideas que coexisten na xente. A prensa ten que avisar, aglutinar e servir de Faro ás Opinións dun pobo. Se non fai isto, estará respondendo a outros intereses pero non estará cumprindo a súa misión.

Celebramos 40 anos dunha historia inconclusa, a través destas 60 portadas que son 60 anacos de vida colectiva. Parabéns.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.

 

Lo último Lo más leído