A Consellería de Educación repartiu de forma gratuíta neste curso 631.291 libros de texto do Fondo Solidario, que alcanza a un108.244 alumnos de 3º a 6º de Educación Primaria e dos catro cursos de ESO. Outros 27.513 alumnos se beneficiaron das axudas da Consellería para a adquisición de manuais destinadas aos rapaces matriculados en 1º e 2º de Educación Primaria ou Educación Especial que quedan fóra do sistema do Fondo Solidario, xa que se trata, con carácter xeral, de material non reutilizable. A asignación de manuais dispoñibles no Fondo Solidario faise por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, e de ser necesario, o centro adquire os libros complementarios precisos para garantir unha cobertura similar á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas con seis ou catro libros por alumno segundo o caso. Deste xeito, e atendendo aos criterios de renda, case sete de cada dez alumnos de Primaria e de Secundaria beneficiarios do fondo recibiron seis ou máis libros de balde; é dicir, que tendo en conta que a media de manuais nos centros é de seis por curso, nestes casos quedou cuberta a práctica totalidade das súas necesidades.

O Fondo Solidario está deseñado para garantir que as familias con rendas máis baixas sexan as primeiras destinatarias do programa de forma que poidan ser beneficiarias do maior número de libros dispoñibles. No que atinxe ás axudas para a adquisición de libros beneficiáronse un total de 27.513 alumnos neste curso.