Xosé R. Gayoso e Patricia Fernández acudirán como todos os venres á súa cita cos espectadores da Televisión de Galicia (TVG), nun novo programa de Luar. No espazo de hoxe cóntase cunha variada proposta de contidos, nos que, coma sempre, destacan as actuacións musicais.

Niña Pastori será a principal atracción da noite, considerada unha das representantes máis coñecidas do flamenco español. A andaluza interpretará dous temas do álbum que presentou este ano, que ten por nome Bajo tus alas. As cancións coas que animará a público e espectadores serán La habitación e La mudanza.

Outra das caras máis recoñecibles será o cantante Raúl, que saltou á fama ca célebre canción do verán Sueño tu boca. No programa desta noite interpretará dous dos seus temas máis recentes, Me hace falta tu amor e Quisiera que me quisieras.

Afastada do eido musical, hoxe estará no programa a actriz María Mera, que acompañará aos presentadores mentres descobren os incribles traballos dunha maquilladora de bandullos.

Durante a noite tamén haberá oco para a música tradicional no Luar, coa participación da Banda de Música Municipal de Valga, de Rondalla O Castro, Coral Cantigas do Castro e de Fanfarria Furruxa.