O programa Pescadores de historias da Televisión de Galicia (TVG) diríxese ao porto de San Cibrao, onde conservan e transmiten a cultura do mar ao redor do seu propio Museo do Mar, cun pasado moi singular, xa que naceu como museo en 1969, a partir do traballo realizado polo mestre Francisco Rivera Casás e os seus alumnos da escola unitaria. Na década dos anos sesenta do século XX, o mestre dedicábase, como unha actividade didáctica, a coleccionar obxectos do mar, como cunchas ou utensilios de traballo. E isto foi a orixe do actual Museo do Mar, do que o programa lembrará con algúns daqueles nenos como era nese tempo.

Antes de indagar nas súas orixes os espectadores poderán coñecer, con Amelia Pernas, a actualidade do Museo Provincial do Mar, hoxe un dos máis destacados de Galicia sobre cultura mariñeira. Nunha das salas gárdanse a memoria da industria baleeira do porto de Morás, a da caza de baleas nas augas moi preto de San Cibrao e ósos deste animal mariño recuperados.

Do mar falarase tamén con Moncho Rivas, un dos nenos da escola unitaria que logo traballaría moito para conseguir que aquela idea xerminal acabase sendo o museo que agora vemos. Pola súa banda, Ángel Fernández afondará na actividade pesqueira na costa de San Cibrao e José Antonio García lembrará con especial cariño o pasado. O programa tamén estará co neto do mestre, Javier Rivera, e con Ana Rolle, propietaria do restaurante A Bodega, onde todos xantarán unhas filloas feitas con tinta de choco, recheas de gambas e bacallau.

E antes de marchar, as cámaras de Pescadores de historias pararán na estatua da Maruxaina, o mito central da cultura ligada ao mar en San Cibrao, unha serea que coida dos mariñeiros cando van ao mar.

'A Revista'

Por outra banda, A Revista Fin de Semana recibe hoxe no estudo do programa ao experto en bioética José Ramón Amor. Doutor en Teoloxía Moral e coordinador do Observatorio de Bioética da Fundación Pablo VI, conversará coa presentadora do programa, Almudena R. de Urzáiz, sobre os compoñentes morais da modificación xenética en seres humanos. Recentemente, un grupo de científicos chinos anunciaron o nacemento dunhas xemelgas ás que se lles aplicou unha técnica de edición de xenes, sendo as primeiras crianzas que terían nacido tras este proceso. O invitado reflexionará en torno a casos coma este. As cámaras do programa achegaranse ademais ata A Coruña, onde se celebra a Feira dos Autónomos de Galicia, que espera superar as 80.000 visitas do ano pasado.