Certos lugares e certos nomes invitan a viaxar no tempo e na distancia. E o peche destas referencias supón o final dunha era. Son memoria. Por que un bar chamado Humboldt, no medio dunha vila mariñeira como Malpica, en plena Costa da Morte? Tantas veces mal pronunciado e mal escrito sen querer, por ese aspecto estranxeiro un tanto incómodo... No ano 1952, Fernando Otero, máis coñecido como Moreno, emprendeu viaxe a América, para probar sorte coma moitos outros galegos e galegas na etapa esplendorosa da vida ao outro lado do Atlántico. Un pouco despois, unha vez ubicado en Venezuela, uníronse á aventura da emigración a súa muller, unha moza malpicana de brillantes ollos verdes, máis próximos ao Caribe que ao bravo mar bergantiñán, e o pequeno José Luis Otero (Pepe), de só catro anos.

Na etapa venezolana Fernando Otero traballou nun hotel de Caracas chamado Humboldt, ao que acudían persoeiros da vida política e social dos países en auxe cos que Moreno tivo a oportunidade de conversar, como contaba en repetidas ocasións. Eran os anos cincuenta e América vivía unha época dourada. Case unha década pasaron Moreno, Carmolas e Pepe no país daquela famosa melodía que tantas veces cantarían xa en Galicia: Alma llanera. Tralo golpe de Estado, esta familia continuou o camiño da emigración en Perú. Precisamente no país andino asentáranse mariñeiros de Malpica, en Chimbote, chamados pola captura da anchoveta. Alí crearon a súa propia comunidade pesqueira, precisamente grazas á riqueza das augas da corrente fría de Humboldt, descuberta no Pacífico polo famoso explorador, xeógrafo e científico alemán Alexander von Humboldt. Alí recalaron os malpicáns, con outras moitas familias da súa mesma vila mariñeira e a tantas millas da casa. Na etapa das famosas festas no Casino Español de Chimbote, onde se reunía toda a comunidade da Costa da Morte (xente de mar de Malpica e de Corcubión, principalmente), que volverían á casa tralo terremoto a principios dos setenta.

Por todo iso Humboldt foi o nome elixido no seu regreso a Galicia , cun membro máis que na viaxe de ida (Nanda, a filla pequena), para o negocio da familia Otero García en Malpica, un bar sito fronte á fonte que rende homenaxe a Anselmo Villar Amigo, veciño da vila que tamén dende América axudou ao crecemento da mesma. Casado Pepe con Carmen Verdes, dona do negocio ata a actualidade, o Humboldt converteuse dende a súa apertura no ano 71 nun local emblemático en Malpica, cun ambiente familiar, dende aqueles anos setenta de riqueza pesqueira e poucos locais de hostalería. "Os meus sogros dixéronnos que non marchásemos, que emigrar, andar polo mundo, era moito traballo", lembra Carmen. Hoxe, con 67 anos e dúas fillas que seguiron camiños ben distintos, esta malpicana pon fin ao Humboldt en Malpica, e con esta despedida péchase tamén un capítulo da pegada de América na vila.