Deseucaliptización foi elixida Palabra do Ano 2018 con máis da metade dos 5.724 votos emitidos no Portal das Palabras, unha iniciativa da Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié. O vocáblo gañador, que sumou un total de 3.114 apoios, impúxose a outro cinco termos finalistas. De feito, a segunda palabra máis popular foi feminismo, con 1.032 votos, mentres que pechan a lista sororidade, fariña, apoderamento e fascismo.

Segundo subliña a RAG, a vitoria de deseucaliptización reflicte "un aspecto destacado na crecente preocupación social pola xestión do monte galego". De feito, non é a primeira vez que esta cuestión marca a elección da palabra do ano, posto que, aínda que en 2017 a vencedora foi afouteza, entre as finalistas estiveron vaga de lumes e tamén a gañadora deste 2018.

Eucaliptización e deseucaliptización, aínda que non figuran no dicionario da RAG, axústase ás regras de formación de palabras propias do galego, segundo confirma esta institución.

O eucalipto correspóndese a un xénero de árbores orixinais maioritariamente de Australia que inclúe diversas especies. A súa incorporación á flora europea é relativamente recente, tal e como informa a RAG. En Galicia, foi introducido da man do pai Rosendo Salvado, que se instalou en Nova Norcia (Australia) para evanxelizar esta terra.