A Televisión de Galicia (TVG) estreará hoxe primeira parte do documental O peso da cociña galega: Picadillo, que lles permitirá aos espectadores coñecer como nos alimentamos e que comemos os galegos da man do máis grande dos nosos cociñeiros: Manuel María Puga e Parga. El mesmo, coa axuda dos máis destacados cociñeiros e expertos actuais, irá descubrindo a verdade sobre a gastronomía galega. Da súa man, a audiencia achegarase tamén a vida dun personaxe singular, espadachín, viaxeiro, cociñeiro, xornalista, alcalde e humorista.

Picadillo irá debullando a súa vida en base a anécdotas e receitas, o que permitirá achegarse aos auténticos chefs actuais da cociña galega para pescudar se existe realmente algo ao que podamos chamar como tal.

Que é a cociña galega? Por que a fixo así o pobo ao longo dos tempos? En que nos diferenciamos dos demais? E por que nos diferenciamos dos demais? Como sabe Galicia? Coa axuda de personalidades históricas da gastronomía e dos novísimos cociñeiros da comunidade galega, o documental percorrerá un camiño apaixonante, saboroso e con moito humor, xa que o guía é un personaxe moi querido e cunha bonhomía lendaria.

A través del, os espectadores coñecerán os Picadillo da actualidade (Solla, Freitas, Olleros...), pero tamén a Emilia Pardo Bazán e a Álvaro Cunqueiro, así como expertos en gastronomía e a festas populares. O presente e o futuro da cociña galega constrúese en base a un pasado e este documental permitirá velo en perspectiva.