O programa Ribeiras de salitre visita esta semana un dos grandes portos de Galicia, o de Marín, onde se vive o mar a través da paixón polo traballo. A súa confraría conta con arredor de trinta socios, que traballan artes menores, pesca de altura, arrastre de litoral e navalla. Tamén están preocupados por conservar artes tradicionais coma o racú.

Unha parte importante da actividade mariñeira de Marín atópase na praza de abastos, onde o espazo da Televisión de Galicia (TVG) visitará a Begoña Rosales, peixeira de terceira xeración, pois xa o eran a súa avoa e a súa nai, e a Juana Soto, unha das praceiras máis veteranas da localidade, que desempeñou outros traballos relacionados co mar, mariscando, descargando barcos do Gran Sol e limpando peixe para empresas exportadoras.

Por outro lado, o equipo do programa embarcará no Novo Isa, onde traballan a arte do racú, idéntico ao cerco, pero cunha rede máis pequena e tamén con embarcacións máis pequenas. O seu patrón é José Domínguez, que leva 20 anos traballando o mar. A construción naval ten un peso moi relevante no porto de Marín e, entre os diferentes oficios que require, o de caldeireiro é dos transcendentais. Disto dará conta Alberto Santos, que leva máis de 30 anos traballando neste ámbito, e que lembrará con nostalxia o primeiro barco de que construíu.

O equipo de Ribeiras de salitre xantará con Manuel Otero, que ten unha empresa de venda de peixe por todo o territorio español. Preparará carneiro (un tipo de ameixa) e anemones, dous produtos que leva varios anos traballando e que teñen máis saída fóra de Galicia, pero el está a esforzarse por introducilos en restaurantes galegos.

En Marín, a tradición mariñeira fusiónase coa tradición musical e, dos que traballan na recuperación do folclore da localidade, X.H. Rivadulla Corcón atopará o grupo Pousos da Area, que recolle música relacionada no mar e van interpretar dous temas para o programa.

Os espectadores tamén coñecerán este domingo persoas que traballan baixo as augas, realizando os traballos precisos para reparar buques e facer construción baixo o mar. Son Carlos Correa e o seu fillo, do mesmo nome, que traballan de mergulladores no porto de Marín e que coñecen o que oculta o seu mar.