A Televisión de Galicia (TVG) sae este martes pola noite na procura de O mellor queixo do mundo, un programa que demostrará que vivimos nun paraíso para os devotos do queixo, porque aquí hai unha materia prima excepcional. Así que as reporteiras farán un completo percorrido por toda Galicia para coñecer as vivencias das persoas que, dunha forma ou outra, viven rodeadas de queixo por todas partes.

Por que o queixo está tan rico en Galicia? Cales son as zonas do queixo por excelencia? Canto queixo comemos os galegos nun día? Poderiamos vivir sen el? Estas son algunhas das moitas preguntas que obterán resposta este martes á noite na Televisión de Galicia en O mellor queixo do mundo. As reporteiras do programa, Belén Vara, Ariadna Leis e Mercedes Seixo, sairán de xira para achegarlles aos espectadores todos os segredos dos queixos galegos.

Para comezar, estarán nos mercados e nas queixerías. Alí probarán a gran variedade de queixos que hai en Galicia e aprenderán a distinguilos. E, por medio dunha gran enquisa, tamén coñecerán as opinións dos galegos sobre os nosos queixos.

A continuación irán a Silleda e a Lalín para coñecer o queixo de tetilla. Desde a explotación gandeira acompañarán o leite ata o Pazo de Anzuxao, onde Javier Sampayo explicará como é o proceso para elaborar este queixo tradicional. Por suposto, tamén haberá tempo de catalo.

A seguinte parada será en Pedrafita do Cebreiro, o berce do centenario queixo do Cebreiro. Alí coñecerán a historia deste manxar na queixería Castelo e despois viaxarán a Lugo para gozar do sabor dun delicioso prato elaborado con queixo do Cebreiro.

A ruta do queixo pasará, como non podía ser doutro xeito, polo concello de Arzúa. Nesta localidade celebran a gran festa do queixo Arzúa-Ulloa e alí estará o programa para gozar do sabor dun dos produtos máis famosos de Galicia. O mellor queixo do mundo viaxará tamén a Vilalba para pasar unha xornada de traballo co equipo da queixería Casleiras, unha empresa onde o queixo San Simón da Costa é o protagonista indiscutible.

O queixo galego é o rei das cociñas. E, para demostralo, as reporteiras estarán na cidade de Ourense. Alí aprenderán a preparar unha chea de riquísimas receitas con sabor ao mellor queixo do mundo. Pero ademais destes queixos, en Galicia existen moitos outros que ninguén debería perder. Queixos azuis, queixos de cabra, queixos de ovella, queixos picantes... Son algúns exemplos que tamén terán o seu espazo no entretido programa desta noite.