"As despedidas deron orixe aos máis belos poemas e ás máis transidas cartas de amor, pero tamén á expresión da máis fonda tristura reflectida nun pano branco que ondea cando un barco ou un tren en que viaxa o ser querido comeza a andar e a se afastar", reflexionaba no seu día o expresidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, sobre a exposición itinerante Os adeuses, integrada por 73 fotografías en branco e negro do fotógrafo galego Alberto Martí Villar.

Agora, a próxima parada desa mostra, recén anunciada polo CCG, ten que ver (moito) coa outra faciana desa emigración. O emblemático illote norteamericano, Ellis Island que durante a primeira metade do século XX foi a principal entrada dos inmigrantes que chegaban aos Estados Unidos de América, acollerá o próximo 9 de febreiro Os adeuses.

Menos dun cento de instantáneas que documentan os últimos momentos da emigración galega cara a América, nun lugar emblemático para os movementos migratorios. Además, acompañando á exposición haberá un variado programa cultural, pensado para situar a cultura galega neste emblemático espazo.

As instantáneas inclúen retratos xa ben coñecidos como o dunha nena que arroupa a varios irmáns pequenos entre bágoas nunha despedida no porto da Coruña ou o dunha relixiosa movendo un pano branco desde un camarote, pasando por numerosos documentos da Estación Marítima de Vigo. En canto ao autor, Alberto Martí Villardefrancos e nacido na Coruña en 1922, traballou no mundo da fotografía desde os 12 anos. Comezou de empregado de Foto Blanco e máis tarde rexentou dito establecemento.