O programa Zigzag recibirá hoxe a visita no estudio de Iria Ares e Luís Iglesia, que estrean esta semana Macbeth, o ruído e a furia, unha versión reducida do clásico de Shakespeare dirixida por Xoán Carlos Mejuto e a propia Ares nunha produción de Estudo Momento. A montaxe supón unha viaxe á chaira escocesa, nebulenta e insegura, con tambores de guerra e versos de sangue, traizón e morte.

O espazo da tvG2 tamén falará esta tarde co escritor e xornalista Francisco Rodil sobre a súa novela La noche de las luminarias, que, ambientada en Galicia e Asturias, devolve o lector aos axitados anos da II República e á traxedia da Guerra Civil.

Por outro lado, Zigzag visitará no Centro Cultural Marcos Valcárcel a exposición Arte privada en Ourense, que saca á luz, por primeira vez, medio cento de obras orixinais, a gran maioría sen catalogar, de pintores universais que coleccionistas anónimos da cidade gardaban nas súas casas. A mostra ofrece un repaso pola historia da arte desde o século XVI ao XX, con referentes a todos os estilos e épocas.

Finalmente, a colaboradora do programa Aitana Cuétara proporá escoitar en directo catro artistas que van actuar proximamente en Galicia: a cantante e compositora portuguesa Luísa Sobral, creadora da canción gañadora do Festival de Eurovisión en 2017; a cantante de flamenco Alba Carmona, a artista maliense Fatoumata Diawara, que fusiona o folk wassoulou co jazz e o soul, e a cantante, acordeonista e compositora portuguesa Celina da Piedade.