A actividade pesqueira é un dos labores onde maior sintonía se pode atopar entre a tradición e a modernidade. Mariñeiros dun dos portos máis importante de Europa aínda traballan en dorna. Isto sucede en Ribeira, o porto con maior volume de descarga de peixe de baixura de Europa, que hoxe visitará o programa Ribeiras de salitre, que conduce X. H. Rivadulla Corcón na Televisión de Galicia (TVG). A súa confraría conta con 470 socios que traballan artes de enmalle, cerco, palangre, arrastre e marisqueo.

Ramón Lojo é un dos mariñeiros que aínda traballa en dorna, é novo, pero prefire a dorna porque o seu comportamento no mar é mellor e dá máis estabilidade, especialmente para a práctica do marisqueo a flote, que é ao que se dedica. Con Andrés Martínez, presidente da Agrupación de Mariscadores a Flote de Ribeira, navegarase ata a zona marisqueira.

A de Ribeira é unha lonxa de última xeración, das máis modernas do mundo. Aquí traballa como xefa de cancha Rebeca Fernández e o seu traballo consiste en organizar as diferentes poxas de peixe e marisco que se fan ao longo do día. Pola súa parte, Juan Rial foi cociñeiro en barcos mercantes e de pesca e hoxe cociña no seu restaurante Luarada de Ribeira.

As músicas mariñeiras forman parte importante do mundo do mar, e na localidade coruñesa de Ribeira, tendo un porto tan destacado, soan sempre músicas moi transcendentes, moi representativas do sentir mariñeiro, como é o caso de Tahume, grupo tradicional de pandeireteiras.

Para traballar no mar en condicións óptimas é fundamental o labor previo que se fai en terra, como, por exemplo, o traballo que fan os biólogos das confrarías. Neste caso, o programa coñecerá as funcións da bióloga da confraría de Ribeira, Sandra Barreiro.

O espazo da TVG porá ademais en valor o traballo dos patróns maiores falando con José Antonio Pérez, o patrón maior do porto máis importante, en peixe fresco, de Europa. Ribeiras de salitre despedirase hoxe no miradoiro de San Roque, desde onde se poderá contemplar a inmensidade e a beleza da ría de Arousa.