"O tema é para longo". É o primeiro que penso cando me encargan un artigo sobre os Viños da Terra de Betanzos, hoxe xa nos mercados internacionais e no centro de atención de grandes expertos. Non hai tanto tempo que esto era impensable e queda aínda moito por facer.

Falar da historia do viño en Betanzos e a comarca que abrangue a Indicación Xeográfica Protexida (Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño, Paderne?) é o mesmo que falar da súa organización territorial; multitude de parcelas que levan a viña no mesmo nome: Viña vella, Viña do medio, Viña de Andrade?

Indicadores, todos, dun patrimonio natural, que é o noso, no que os polígonos especializados de viñedos, algúns centenarios, crean paisaxes únicas e teñen tamén moito que dicir. Do mesmo xeito que o fai a súa arquitectura, con moitas representacións ligadas a uva.

Lagares e adegas en todos os lugares acollidos a I.X.P; alí onde madeira e a pedra toman unha importancia capital, tanto na construción das instalacións como nos envases necesarios para a súa conservación. O mundo forestal e os seus fragueiros, serradoiros, carpinterías?. fixeron da comarca un sector estratéxico para o aprovisionamento de madeira ligada a viña e o viño.

Falar das viñas de Betanzos e comarca é tamén falar de ríos e regatos como a Ría de Betanzos. Tan íntima é a súa relación que non se poden separar. Tan próxima como o nexo con viticultores e adegueiros: os que co seu saber e traballo foron quen de achegar ós nosos días a tradición, a cultura, a conservación e os coñecementos que a día de hoxe seguen a marcar o camiño.

Porque é certo que en todo o logrado na nosa I.X. nestes 20 anos hai múltiples exemplos favorables que nos deben animar a non baixar a garda, a seguir traballando por un sector cada vez máis competitivo pero: si hai un nome propio, ese é o dos viticultores que decidiron conservar as súas viñas ata o dia de hoxe, o mesmo tempo que axudaron a conservar castes autóctonas que nalgún momento da nosa historia eran desprazadas por outras máis produtivas pero de menor calidade.

E é que falar das viñas de Betanzos e comarca é, por suposto, falar da Branca Lexítima, a nosa principal protagonista, unha caste única que nos diferencia, que nos volve exclusivos, á que van ligados todos os compoñentes do territorio mencionados anteriormente, quen dalgunha forma integra toda a evolución histórica da vitivinicultura da comarca.

O camiño andado nos últimos 25 anos non foi, nin é, doado, partindo dun sector que debía dar cambios importantes. Recuperado o prestixio, hoxe é necesario seguir traballando e moito. Intentar camiñar o máis xuntos posible. Para elo, hai un punto de moito interese que é crer no noso potencial territorial e humano, que fan desta comarca un posicionamento estratéxico.

*Profesor no CFEA de Guísamo e viticultor de Betanzos