O programa Luar da Televisión de Galicia (TVG) recibirá hoxe a visita dun dos grandes da música latina, o venezolano Carlos Baute, un dos artistas chegados da outra beira do Atlántico con máis éxito no noso país. Con preto de dous millóns de discos vendidos e unha morea de premios ás súas costas, é tamén un dos artistas máis queridos polo público galego. Tamén estará esta noite no escenario o cantante e compositor ourensán Cepeda, coñecido pola súa participación en Operación Triunfo (OT). Despois de lanzar o seu primeiro sinxelo e alcanzar o número 1 nas listas de vendas de España, disponse a publicar o seu primeiro álbum, que sairá á venda en xuño e que será un traballo prometedor, creativo e que permita comprender mellor a súa evolución artística. Conterá cancións propias e tamén composicións antigas que permitirán coñecer como era ese artista anónimo e tímido que escribía por puro pracer.

O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Patricia Fernández Santana contará coa presenza doutra artista xurdida da factoría OT: a cantante, compositora e actriz catalá Nerea Rodríguez.

Por outro lado, os espectadores de Luar vivirán hoxe un momento moi emotivo, xa que o programa homenaxeará a súa colaboradora Áurea, falecida o pasado decembro, coa actuación de Dignas do Querer, grupo de pandeireteiras ao que pertencía.

Dentro do cartel de actuacións musicais tamén destacan o grupo de gaitas Coribantes de Buchabade, chegados dende Ponte Caldelas e con máis de 100 compoñentes; Leilía, popular grupo galego de seis voces femininas que cantan e tocan música tradicional coa pandeireta; a orquestra Triunfo; a Banda de Música de Vilaboa; o artista Ducho Vidal, e a formación Manteos y Monteras de Aliste, procedente dunha das comarcas de Zamora que garda un folclore máis rico e con máis personalidade.

Finalmente, no tempo de Recantos, chegará o momento de que María do Mar, representante da comarca Terras de Pontevedra, e Ena, procedente de Terras do Eume, demostren o seu talento no escenario.