O espazo Ribeiras de salitre da Televisión de Galicia (TVG) visitará hoxe a localidade coruñesa de Muros, un porto histórico no mar dos galegos, onde o futuro se abre camiño entre as ondas do seu mar e o traballo teimoso das súas xentes. A súa confraría conta con 180 socios que traballan en vacas do arrastre, artes menores, marisqueo e tamén nunha importante frota bateeira, sendo a xarda, o linguado, o rapante, o berberecho, a ameixa e o ameixón os recursos máis destacados.

O equipo do programa comezará a xornada acompañando a Mari Carmen Lestón no seu traballo de peixeira ambulante e falando coa mariscadora Adela Lestón, que non imaxina outro traballo que lle poida dar máis satisfacción.

En Muros collen ameixa e ameixón, un molusco que escasea en toda Galicia, pero que alí conta cunha boa colleita cada ano. Neste porto tamén se pode atopar o que din que é o marisco máis caro do mundo, que recibe varios nomes, como peneira, abalón ou orella de mar. Ribeiras de salitre achegarase ata a parroquia de Tal, onde está a planta de cultivo deste molusco e onde X.H. Rivadulla Corcón falará coa bióloga Alba Rodríguez, que amosará as instalacións onde nace e se cría e explicará por que é difícil comercializalo en Galicia. Co patrón xa retirado Manuel Caamaño, o programa visitará o que se pode cualificar como un soño colectivo das xentes mariñas de Muros: o Espazo para a Memoria do Mar, onde se representa a historia mariñeira da vila e que conta cunha sala moi especial dedicada a algo tan transcendente na memoria deste mar como son os naufraxios.

A estirpe dos vellos mariñeiros garda as esencias máis puras do mar en Muros, como é o caso de Pedro León, coñecido co alcume de Platero. Con el falará Rivadulla Corcón do que supuxo toda unha vida dedicada ao mar, tanto en altura coma en baixura.

A visita a esta localidade coruñesa rematará cun apetitoso xantar no bar El Muelle, rexentado por Luís Martínez e con Felipe Estévez nos fogóns, e cunha actuación do grupo de música tradicional O Entra, que busca un xeito moi innovador de interpretar a música galega.