A presentadora do programa Zigzag, Pilar G. Rego, conversará hoxe con Xosé Ramón Fandiño Veiga, que recompilou en O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo máis de 500 artigos xornalísticos deste intelectual, escritos entre 1963 e 2009 en diferentes diarios, a maioría galegos. Estas colaboracións tratan asuntos da historia de Galicia e da súa lingua como factor identitario da nosa tradición.

O programa da TVG2 tamén falará coa artista ourensá Nuria Sotelo, que está a presentar a súa nova obra escénica, A Gala, unha investigación en relación á figura e á obra de Maruja Mallo como eixe do proceso creativo. Ao tempo, a montaxe supón unha crítica á unha sociedade durmida en que a acción se revela como a última opción.

Ademais, Zigzag ofrecerá senllas reportaxes sobre o novo vídeo musical da pianista Aida Saco e sobre a revista A viñeta de Schrödinger, unha nova publicación de cómic, dirixida por Kiko da Silva, que quere fomentar a normalización do galego e que supón unha aposta por historias curtas e autoconclusivas.

Pola súa parte, a colaboradora Aitana Cuétara falará de novidades musicais, con mención á pianista catalá Clara Peya, considerada unha das creadoras máis orixinais e únicas que apareceron nos últimos tempos na escena musical do país; a formación portuguesa Sopa de Pedra e o espectacular trío de voces negras The Sey Sisters, que ofrece unha sentida viaxe musical desde o góspel ata a música africana.