O químico Tomás Batuecas Marugán será o homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas.

A homenaxe, que coincide co 150 aniversario da creación da táboa periódica, foi aprobada unanimemente polos académicos con base na traxectoria de Batuecas como referente internacional na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos. Esta propiedade dos diferentes tipos de elementos que forman a materia é fundamental para orientar e manexar as súas aplicacións en innumerables campos do coñecemento e da industria.

Aínda que o acto académico de homenaxe terá lugar o 8 de outubro, a RAGC iniciará de inmediato os contactos con todas as institucións científicas vinculadas ao investigador e ao seu campo de coñecemento para organizar nos vindeiros meses actividades de difusión e divulgación sobre a figura de Batuecas, no marco do Ano Internacional da Táboa Periódica dos Elementos Químicos (designado pola ONU).

Tomás Batuecas naceu na localidade extremeña de Aldeanueva del Camino en 1893, aínda que estivo estreitamente ligado a Galicia desde que en 1932 gañara a cátedra de Química Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC) -a primeira desta especialidade habilitada en España- ata o seu falecemento na capital galega en 1972. Tras licenciarse en ciencias químicas na Universidade de Salamanca en 1913, Batuecas orientou o seu doutoramento ao tema que había de protagonizar toda a súa traxectoria científica, centrando a súa tese na revisión do peso atómico do carbono. Do Laboratorio de Investigacións Físicas en Madrid, onde foi discípulo de Blas Cabrera, pasou á Universidade de Xenebra grazas a unha bolsa de dous anos outorgada pola Xunta para Ampliación de Estudos, institución antecesora do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Alí coñeceu o destacado científico Enrique Moles, co que formou equipo durante moitos anos á súa volta a Madrid, xunto con outros recoñecidos investigadores como Julio Palacios.

En 1932 gañou por oposición a primeira cátedra de Química Física habilitada en España, o que supuxo a creación de novos laboratorios e liñas de investigación na USC. Alí foi recibido como a figura de relevancia internacional que xa era. Ata a súa xubilación en 1963, Batuecas progresou alí nas súas investigacións neste campo e foi mestre de varias xeracións.