Lecturas públicas de poemas, difusión de versos, actividades musicais, ofrendas florais, rutas turísticas e o tradicional Caldo de Gloria, que a propia Rosalía de Castro describiu no poema Miña casiña, meu lar, son algunhas das propostas para conmemorar mañá o 182 aniversario do nacemento da autora galega máis soada.

Como cada 24 de febreiro, capitaneados pola Fundación Rosalía de Castro, institucións, concellos, centros escolares e asociacións de toda Galicia desenvolverán actos para recordar e resaltar a figura da poetisa. Na Coruña, entre outros actos, haberá lectura de textos da autora fronte ó teatro que leva o seu nome.

Este ano, unha vez máis, a Fundación Rosalía de Castro anima a tódolos establecementos de hostalaría de Galicia a celebrar este día co Caldo de Gloria, seguindo a receita que a autora explicita nun poema. Multitude de establecementos ofrecen durante estes días esta receita, que tamén preparará a escritora Ledicia Costas mañá na Casa Museo de Rosalía.