02 de marzo de 2019
02.03.2019
La Opinión de A Coruña

O audiovisual galego entrega os seus premios na gala dos Mestre Mateo

As películas 'A sombra da lei' e 'Trote' parten como favoritas, con 15 candidaturas cada unha, na gala que se celebrará hoxe na Coruña

02.03.2019 | 00:54
O audiovisual galego entrega os seus premios na gala dos Mestre Mateo

O Palacio da Ópera da Coruña acollerá esta noite a gala de entrega dos XVII Premios Mestre Mateo, cos que a Academia Galega do Audiovisual (AGA) recoñece os traballos máis destacados do ano en vinte e cinco categorías. A sombra da lei e Trote parten como as producións máis votadas, acaparando 15 candidaturas cada unha. A unha certa distancia sitúanse a serie O sabor das margaridas con oito, a longametraxe Contou Rosalía con sete, e o programa Land Rober Tunai Show e o documental Versogramas, con catro cada unha.

Os premios, que os académicos elixiron cos seus votos entre as máis de 400 candidaturas presentadas en vinte e cinco categorías, serán entregados por diversos profesionais pertencentes ao noso audiovisual entre os que se atopan as actrices Belén Constenla, Estíbaliz Veiga, Ledicia Sola, Isabel Blanco e María Bouzas; os actores Miguel Canalejo, Alberto Rolán, Xosé Antonio Touriñán, Xavier Picallo e Luis Iglesia; os cineastas Javi Camino, Anxos Fazáns e Andrés Goteira; profesionais da comunicación como Marta Doviro, Adrián Díaz e Gloria Ferreiro e o presidente de Proxecta-Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, Ángel Sánchez.

A cerimonia poderá seguirse minuto a minuto a través das redes sociais da Academia Galega do Audiovisual no cancelo #MestreMateo19 ou a partir das 22.00 horas na primeira canle da Televisión de Galicia (TVG) e na Radio Galega.

A gala desta edición dos premios, que dirixirá Sonia Méndez, estará conducida por Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias -Percebes y Grelos-. Este elenco de actores e actrices, cunha estética futurista, guiará ao público a través dunha viaxe temporal polo audiovisual galego. Ambientado na ciencia ficción, o espectáculo contará cun vestiario creado especialmente para a ocasión polo deseñador David Méndez Alonso; músicas e letras orixinais de Fernando Epelde; dirección de arte de Isa Vila e Ángel Amaro; dirección de produción de Miriam Devesa; guión de Daniel Domínguez, Sandra Lesta e Sonia Méndez e dirección desta última.

Premios de honra

Ademais de premiar a excelencia nas producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra Fernando Rey e o Premio Especial José Sellier. Este ano as homenaxes son para a actriz Mela Casal e para a Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga). Estes últimos recibiron xa o galardón o no encontro de finalistas o pasado venres e con eles púñase en valor que "os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade".

No caso de Casal, a AGA quere recoñecer o seu "traballo a prol da construcción do audiovisual galego dos últimos trinta anos, ser unha das nosas pioneiras e un dos rostros máis coñecidos do noso audiovisual". A actriz recollerá o premio durante a gala.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

SELECTIVIDAD A CORUÑA 2020


Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias

Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.

 

Lo último Lo más leído