O programa Zigzag recibirá este luns de Entroido a Ramón D. Veiga e a David Sierra, autor e ilustrador, respectivamente, do libro de literatura infantil e xuvenil É tempo de Entroido!, que conta o que pasa cando, nesta época de festa, de máscaras, de filloas e de cocido se xuntan algúns dos personaxes máis senlleiros para darse unha boa paparota.

O espazo da TVG2 tamén ofrecerá unha entrevista co compositor pontevedrés Adrián Saavedra, que acaba de estrear a obra Macareu, un encargo da Real Filharmonía de Galicia, na súa liña de apoio aos novos compositores galegos.

Ademais, Zigzag fará balance dos XVII Premios Mestre Mateo, entregados o sábado pasado, e visitará a exposición O paraíso nesta esquina, no Museo Municipal de Ourense, onde a pontevedresa Belén Padrón e o ourensán José Carlos Seoane colgan as obras en que estiveron traballando no último ano. Os lenzos de gran formato dela e os bosquexos del medran nunha paisaxe vexetal ideal.