14 de marzo de 2019
14.03.2019

A gala dos premios María Casares non será emitida a través da TVG

A Asociación de Actores prescinde da canle pola negativa dos seus responsables a reunirse cos organizadores da cerimonia

14.03.2019 | 00:37
Un momento da gala dos María Casares do ano pasado, no Teatro Rosalía da Coruña.

A Televisión de Galicia (TVG) non retransmitirá este ano a gala dos Premios de Teatro María Casares. A decisión foi tomada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) "por diferentes motivos". "En primeiro lugar, é unha decisión meditada en diferentes asembleas internas da asociación, nas que se manifestou a necesidade de mellorar as condicións da emisión por parte da TVG ou, en caso contrario, de buscar novas alternativas", indicou a entidade nunha nota, na que engadiu: "Con ese mandato asembleario, a AAAG solicitou ao longo dos últimos meses reunións cos responsables de Programas do ente para propoñerlles cambios e melloras na retransmisión. Non obstante, tal xuntanza nunca tivo lugar. En segundo lugar, envióuselle por escrito a petición de mellorar diferentes aspectos da retransmisión e solicitouse que a emisión fose pola primeira canle da TVG nun horario razoable. As peticións foron ignoradas e ofreceuse dende a TVG as mesmas condicións dos últimos anos nos que a gala dos María Casares ficaba reducida ao streaming na web e á emisión pola segunda canle en horarios poucos favorables para a audiencia", subliñou.

A AAAG considera que a Crtvg falla, neste senso e noutros moitos, "na súa obriga de difundir a cultura propia en xeral e a teatral en particular". "Ademais, parece que nin os María Casares nin o sector escénico encaixan nas coordenadas marcadas polo lema de #Cultura365, impulsado pola Crtvg dende o momento en que se desvirtuou a marca histórica do Diario Cultural con gran protesta dentro do sector cultural", apuntou a AAAG. A decisión da entidade chega "nunha época de forte cuestionamento do labor público xeral do ente, tal e como evidencia a iniciativa dos Venres Negros, impulsada por parte do persoal da Crtvg, ou a convocatoria de folgas o pasado mes de decembro".

Por todo o exposto, a AAAG ofreceralle ao público a posibilidade de ver a gala a través da empresa Aleuto Medios Dixitais, que se encargará da retransmisión a través de streaming que se poderá seguir a través de Youtube a partir das 21.00 horas do vindeiro xoves 21.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario


Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.