O programa Ribeiras de salitre estará hoxe nun recuncho tranquilo e sosegado da ría de Arousa: Cabo de Cruz, unha confraría de máis de 300 asociados, que traballan o marisqueo a flote, o mergullo e a nasa, sendo, ademais, un dos portos de maior produción de mexillóns. Na súa lonxa, que o programa visitará con Ana Rey, a bióloga da confraría, póxase a ameixa, o berberecho, o reloxo e o carneiro.

O equipo do espazo da Televisión de Galicia (TVG) sairá ao mar con José Antonio Triñanes, que tivo unha breve experiencia traballando na pesca de altura, en concreto traballando a lura ao arrastre nas Malvinas. Esta experiencia sérvelle para apreciar moito o que vale traballar na baixura e poder estar a diario na casa.

O traballo das mariscadoras vai máis alá do propio da recolección do marisco, a ameixa ou o berberecho. Hai outros traballos tan necesarios para que o recurso medre e sexa sustentable, como o de sementar a cría ou a vixilancia das zonas marisqueiras para preservalas do furtivismo. Unha labor moi complicada, que non está pagada e que implica grandes riscos, como explicará Susana Silva.

Marisqueo a flote

Outro dos oficios característicos de Cabo de Cruz é o marisqueo a flote, fisicamente moi duro, pero que apaixona a quen o exerce, como é caso de Raquel Souto.

O conductor do espazo da Televisión de Galicia, X.H. Rivadulla Corcón, tamén estará co carpinteiro de ribeira Benigno Sánchez, que contará como se iniciou neste oficio e lembrará as embarcacións máis significativas construídas na súa vida.

Un dos produtos representativos de toda a ría arousana e vital no porto de Cabo de Cruz é o mexillón, que será protagonista do xantar de hoxe, cociñado por Isabel Sieira, bateeira durante moitos anos.

Sobremesa musical

Como sobremesa, nada máis excelso que unha peza musical, que traerán a Ribeiras de salitre as mulleres de Cabo de Cruz que traballaron no mar e que formaron o grupo de música tradicional Nunca é Tarde.