A Revista Fin de Semana da Televisión de Galicia (TVG) recibirá hoxe a visita de Carmen Denébola Álvarez, coordinadora do XXIV Congreso Estatal de Astronomía, que se celebrará na Coruña en 2020. A Agrupación Astronómica Ío organizará no Reitorado da Universidade un evento que chega por primeira vez a Galicia e que contará coa presenza da astrofísica Jocelyn Bell. Tamén estará este domingo no estudio de gravación a psicóloga María Victoria Canosa, que falará da depresión.

Ademais, o espazo da TVG contará coa presenza de membros de Greenpeace para conversar sobre o cambio climático, contra o que se celebrou o venres pasado unha folga estudiantil internacional. O magacín da TVG terá hoxe tamén unha cita en directo na IV Feira do Queixo de Moeche, que se celebra co obxectivo de potenciar e exaltar este produto artesán.