Os XXIII Premios de Teatro María Casares celebrarán hoxe no Teatro Rosalía Castro "unha gala de época" na que se trasladará ao público a "un pasado glorioso". Os directores da cerimonia, Juanillo Esteban e Carlos Sante, definen así o espectáculo que servirá de fío condutor da entrega dos galardóns do teatro galego sen querer adiantar moito máis detalles do leitmotiv coa intención de sorprender o público, tanto o congregado no Rosalía coma o que poderá seguir a gala por streaming a través da canle de Youtube Premios de Teatro María Casares.

Doce montaxes disputaranse os galardóns do teatro galego. Commedia, de Contraproducións, con doce candidaturas; Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, con sete; e A leituga, de Emedous, con cinco, son as obras favoritas nesta edición. Pola súa banda, Invisibles, de Redrum Teatro, e Casa O'Rei, de Ibuprofeno Teatro, aspiran a catro galardóns. Talía Teatro, co seu O servidor de dous amos, opta a tres, mentres que #camiños, de ButacaZero; Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, e A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos, competirán por dous galardóns. Finalmente, Arnoia, Arnoia, de Pista Catro; Contos do Recreo, de Redrum, e Patapatúm, de Elefante Elegante, competirán por un galardón.

A gala contará cun espectáculo dinámico, cheo de humor e cunha mestura de xéneros que transitará entre o teatro e o circo, achegando ademais números de portes, clown, teas aéreas, corda lisa, teatro xestual ou parodia cómica. Como cada ano, os Premios María Casares contan co patrocinio de entidades e institucións como a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación Aisge, a Fundación SGAE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis.

O elenco da gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares combinará unha serie de intérpretes con gran experiencia nas disciplinas do circo con veteranos nomes da nosa escena teatral. No escenario do Rosalía Castro subirán Pablo Sánchez, Vanessa Rivas, Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, Miguel Borines, Raquel Veganzones, Sue Moreno, Josito Porto, Natalia Outeiro Pajarito, Marta Iglesias, Akira Valero e Álvaro Reboredo Fiti.

Ademais, Suso Montero encargarase un ano máis da escenografía da gala. Durante a mesma, o actor e dramaturgo Carlos Santiago lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e as Aulas de Teatro Universitario de Santiago e Ourense recibirán o Premio de Honra Marisa Soto.

A Televisión de Galicia (TVG) non retransmitirá este ano a gala. A decisión foi tomada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) "por diferentes motivos". "É unha decisión meditada en diferentes asembleas internas da asociación, nas que se manifestou a necesidade de mellorar as condicións da emisión por parte da TVG ou, en caso contrario, de buscar novas alternativas", indicou a entidade nunha nota.