A escritora e xornalista Ana Romaní será desde o vindeiro 6 de abril académica de número da Real Academia Galega (RAG) despois dun acto que terá lugar no Teatro Coliseo Noela de Noia (A Coruña) ás 12.00 horas. Segundo informou a RAG nun comunicado, a poeta ocupará o sitio vacante após o falecemento de Xohana Torres, "un dos seus referentes literarios" .

Romaní, nacida en Noia en 1962, é considerada unha figura "imprescindible" do xornalismo cultural e da poesía galega actual que uniu ambos os mundos con iniciativas que proxectaron a voz literaria na linguaxe radiofónica coas formas máis contemporáneas desde o Diario Cultural da Radio Galega. Desde ese espazo, entre outras iniciativas, promoveu o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.