A Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) dedicará este ano o Día das Artes Galegas a Luis Seoane López (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979), para profundar e difundir a súa figura como teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante, pintor, esencial no Laboratorio de Formas de Galicia e na nova imaxe de Galicia baseada na interacción tradición-innovación a través das "industrias da memoria" (Sargadelos, O Castro, etc.).

Na sesión ordinaria da institución, celebrada en xuño de 2018 no salón Reitoral do Colexio de San Xerónimo de Compostela, decidiuse por aclamación homenaxear durante 2019, e en especial, o propio Día das Artes Galegas a Luis Seoane, unha proposta subscrita por académicos e varios colectivos culturais de Galicia.

O acto central de homenaxe celebrarase o luns no Teatro Colón, ás 20.00 horas. O presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, inaugurará o evento ao que asistirán o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, entre outras autoridades e persoeiros do ámbito cultural galego. O académico numerario da sección de Artes da Imaxe, Xosé Díaz Arias de Castro, pronunciará o discurso Significado de Luis Seoane no contexto da cultura galega do século XX.

A vida de Seoane foi unha longa viaxe á través do século XX. Formado na época da ditadura de Primo de Rivera, loitador nos anos da República, fuxido en 1936, organizador e promotor da vida cultural no exilio, viaxeiro polo mundo e atento aos múltiples discursos que ía xerando a súa época, Seoane foi testemuña de excepción deste século axitado e convulso. A súa obra, vasta e diversificada, o seu pensamento aberto, as súas iniciativas, convérteno nun personaxe destacado no panorama da cultura galega e española do século XX, que axudou a construír co seu esforzo, o seu talento e o seu compromiso.

A súa obra é unha simbiose entre o afán por evocar a arte tradicional de Galicia, manifestado a través dos petroglifos e da enorme presenza do románico, e a arte das vangardas históricas, admiradas polo pintor galego xa desde a súa etapa como estudante de dereito en Santiago de Compostela. Luis Seoane foi autodidacta na súa aprendizaxe plástica, a súa curiosidade e admiración pola Galicia dos seus antepasados e pola arte en xeral foron os motores do seu coñecemento. Os soportes utilizados para expresar a súa creatividade, alén da práctica da pintura, van desde o gravado en todos os seus aspectos (xilografía, litografía, etc.), o debuxo, o muralismo, o deseño gráfico (carteis, portadas de libros) e incluso o labor editorial.

Na súa primeira etapa como pintor e debuxante viuse influído polo expresionismo alemán (Grosz, Otto Dix), os estudos de Lissitstzky, a metodoloxía da Bauhaus e, en maior medida, polo traballo de Pablo Picasso. Entre as súas primeiras obras destacan os seus espidos femininos e os retratos de campesiños no medio da paisaxe dunha Galicia utópica.

A partir dos cincuenta a súa obra evolucionará cara unha pintura na que o escenario xa non ten o protagonismo de antano e redúcese o sentido da profundidade. Os achados técnicos que lle proporcionan a realización de murais levarano ao redor dos anos sesenta a expresarse por medio dunha pintura plana de fortes contrastes de cor e dun grafismo que superponse á obra pictórica, cargando a súa obra de gran forza sintética, levándoa cara unha deconstrución da imaxe que suporá o cenit da súa etapa de madurez.