O equipo do programa da Televisión de Galicia (TVG) Ribeiras de salitre, con X. H. Rivadulla Corcón á fronte, recalará hoxe no porto coruñés de Corcubión, embarcadoiro destacado cuxo elemento máis distintivo é o seu carácter elegante. Ao sur da Costa da Morte sitúase a ría de Corcubión, e no porto que dá nome á ría atópase unha vizosa actividade pesqueira e de marisqueo. A súa confraría conta cun total de 71 asociados, que se dedican ao marisqueo, mergullo, nasa e palangrillo.

Ribeiras de salitre sairá hoxe ao mar con Miguel Suárez, que traballa na ría indo á nasa do polbo. Desprenden elegancia sempre as mariscadoras no transcurso do seu traballo. Así que o espazo estará con Olimpia Louzán, en representación delas. José Domínguez, quen foi patrón maior durante 28 anos, é outro dos protagonistas desta entrega.

No restaurante-peixería Mar Viva, saborearanse uns berberechos salteados, preparados polo propietario Henrique Coo. A actuación musical correrá a cago das pandeireteiras As Rinchonas de Corcubión.

O lonxeiro Diego Lojo contará como nesta lonxa é onde maior volume de polbo se move ao longo do ano de todas as da provincia da Coruña. E, por último, o programa coñecerá toda unha lenda viva na cultura mariñeira de Galicia, José López Olajario, coñecedor coma ningún da costa galega.

Por outra banda, e tamén na TVG, Grandes lugares iniciará hoxe o seu percorrido por aldeas galegas con destacadas historias que contar, cunha visita a San Cosme de Antes, no concello de Mazaricos. Está situada na comarca do Xallas, terra de leite e unha das principais produtoras de Ternera Gallega. Este é un territorio rico, con famosos sombreiros, os sancosmeiros, e cunha paisaxe espectacular que paga a pena coñecer a cabalo. A seguinte parada será San Pedro de Tállara, unha parroquia do municipio coruñés de Lousame, na comarca de Noia. Esta é unha terra privilexiada, con microclima, un escenario perfecto para a práctica de todo tipo de deportes. Nesta aldea o equipo do programa coñecerá a Fernando, campión de canicrós.