A Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) celebrou onte no Teatro Colón da Coruña un acto solemne para conmemorar o Día das Artes Galegas, dedicado este ano a Luis Seoane (Bos Aires, 1910- A Coruña, 1979), para profundar e difundir a súa figura como teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante, ilustrador, pintor, gravador, muralista, editor, escritor, xornalista e promotor cultural e industrial.

Co acompañamento musical do pianista Brais González iniciouse un acto que foi presentado polo actor e escritor Santiago Fernández, e que contou co discurso inaugural do presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, e a asistencia e intervencións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; e o presidente da Fundación Luis Seoane, José Manuel Sande García. Ademais, asistiron ao evento o director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; o vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio E. Abalde Alonso; o fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fernando Suanzes; o concelleiro de Cultura da Coruña, José Manuel Sande; a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra; a directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira; e en representación do Consello da Cultura Galega Ángeles Penas. O académico numerario da sección de Artes da Imaxe, Xosé Díaz Arias de Castro, pronunciou unha sincera e honesta laudatio titulada Significado de Luis Seoane no contexto da cultura galega do século XX.

14

Homenaxe a Luis Seoane na Coruña

Manuel Quintana Martelo destacou que o Día das Artes Galegas é unha celebración destinada a recoñecer o "traballo feito, os camiños abertos, as ensinanzas recibidas e a posibilidade que admiten as obras de novas lecturas, de olladas contemporáneas que nun futuro servirán de guías". Nesta ocasión, o presidente sinalou que o Día das Artes Galegas, como acto de chamada e para "non dar a esquecemento", está dedicado a Luis Seoane, "un creador de formas, teórico da arte e divulgador da cultura galega, un galego universal na diáspora arxentina, que atopou na cidade da Coruña a súa base inspiradora".

Formando tándem con Isaac Díaz Pardo, Quintana Martelo lembrou que os dous foron os ideólogos e creadores do Laboratorio de Formas de Galicia, "herdo evolucionado da iniciativa truncada pola Guerra Civil e a intolerancia" do Seminario de Estudos Galegos, que sentaron as bases éticas e estéticas das "industrias da memoria". Ademais, o presidente explicou que Luis Seoane foi unha "ponte do onte ao noso hoxe", un artista integrador das artes e creador de múltiples conceptos que percorre de xeito tan brillante ao longo da súa vida.

14

Homenaxe a Luis Seoane na Coruña

Na súa viaxe temporal pola intensa vida e obra de Luis Seoane, Xosé Díaz Arias de Castro comezou o seu relato compartindo co público do teatro o adxectivo principal que, ao seu parecer, define a Luis Seoane, a súa condición de "creador polifacético". O académico resaltou a gran complexidade da figura dun artista que cultivou numerosas disciplinas e puxo en marcha iniciativas de gran valor cultural que transcenderon a súa época ata a actualidade. O resultado foi, segundo Xosé Díaz, unha vida "fértil e chea de vicisitudes" e unha obra extensa e diversa que se caracterizou pola súa vontade de dotar á cultura galega dunha dignidade.