A xornalista Ana Romaní pasou onte a formar parte da nómina de académicos numerarios da Real Academia Galega (RAG) cun discurso de marcado compoñente feminista e firmemente apegado á súa terra natal, Noia, e aos seus referentes literarios. O acto de ingreso de Romaní „que cubre a vacante que deixou a morte de Xohana Torres„ celebrouse pola mañá nunha sesión pública extraordinariano Teatro Coliseo Noela. A este acto desprazouse o pleno desta institución cultural galega, así como representantes públicos de distintas institucións, como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Romaní comezou o seu discurso de ingreso, que durou algo máis de corenta minutos, con palabras elogiosas para a súa antecesora Xohana Torres, a quen fixou como unha das súas autoras de referencia na súa traxectoria poética. Así mesmo, lembrou a Antón Avilés de Taramancos, poeta galego natural de Noia. A propia Romaní participou nunha homenaxe ó poeta neste mesmo escenario hai xa 16 anos e comparte con él unha infancia á beira do mar neste municipio costeiro.

Na súa intervención, Ana Romaní serviuse precisamente de metáforas relacionadas co mar, os barcos e o personaxe mitológico de Penélope para tecer unha narración na que lanzou unha clara alegación en favor do feminismo e do colectivo por encima do individual.

Fronte á "xordeira", salientou, reivindicou a dignidade e quixo honrar a todas as "mulleres invisibilizadas" ao longo da historia, desde a súa propia avoa Manuela a autoras como María Mariño, Rosalía de Castro ou outros nomes máis contemporáneos.

De igual forma, fiel á súa faceta como xornalista, defendeu unha radio pública ao seu xuízo "máis comprometida que a actual", independente e entusiasta. "É a radio pública que poderiamos estar a facer, porque hai profesionais comprometidos, porque hai audiencias que a demandan e un idioma que a urxe", sinalou a escritora durante a súa intervención.

Romaní estivo á fronte do programa Diario Cultural da Radio Galega durante preto de trinta anos, nos cales o converteu, segundo defende, nun símbolo dunha forma de abordar o xornalismo cultural.

Na súa intervención para o ingreso na Real Academia Galega tivo palabras así mesmo para a defensa da lingua galega, xa que vai "moito máis alá" de ser un idioma "de uso", debido a que "supón unha perspectiva, unha posición, unha realidade". "Somos idioma, non tradución",sostivo.

A resposta a Ana Romaní chegou por parte da académica Margarita Ledo, que na súa réplica repasou a dilatada traxectoria do novo ingreso na Real Academia, marcada polos múltiples recoñecementos recibidos ao longo da súa carreira como xornalista e que completa cunha lograda obra lírica.