O programa Ribeiras de salitre chega esta semana a Ares, onde traballan, asociados na súa confraría, 73 homes e mulleres, que empregan as artes do cerco e artes menores e venden as súas capturas fundamentalmente no Muro da Coruña. A este mar sairá o equipo do programa con Juan Carlos Rey, que falará das adversidades imprevistas que suceden os días de pesca e que complican o traballo. Pola súa parte, Mari Carmen Torrente, filla, nai e muller de mariñeiros, compartirá a experiencia de ter sempre os homes queridos no mar.

O oficio de peixeira e peixeiro é moi activo, xa que moitos/as saen dos seus postos para ir levarlles o peixe directamente á xente ás súas casas. En Ares quen fai isto é o peixeiro Paco Cartelle, que leva máis de 30 anos na venda ambulante, e o equipo do programa acompañarao nunha xornada de traballo.

Outro dos protagonistas do programa desta tarde será Félix Cudillero, que tardou en saber que o mar era o seu lugar, pero agora sábeo ben. Empezou traballando en oficios de terra, perdeu o seu traballo e chegou ao mar pensando que era unha solución temporal, pero foi un gran descubrimento.

O presentador de Ribeiras de salitre, X.H. Rivadulla Corcón, tamén falará con Nicolás Martínez Laso, mariñeiro desde tempos que se perden na memoria, que traballou o xeito, o cerco e foi redeiro en barcos de Terranova. Agora, xa retirado desde hai varias décadas, na súa cabeza o mar segue a subir e baixar a marea.

Ademais, o espazo da TVG visitará a Carmen Penedo, A Cantinera, que traballou sempre en oficios relacionados co mar e que hoxe preparará para o equipo do programa uns xurelos en escabeche. Finalmente, os espectadores escoitarán pezas recollidas polas mozas pandeireteiras de Areas do Mar, que cantan cunha forza que vén desde o máis fondo do mar de Ares.