A Televisión de Galicia (TVG) dedicarase desde hoxe a dar conta das múltiples propostas de ocio que se poden vivir esta Semana Santa en calquera punto de Galicia. Todas as tardes e en directo, o equipo de Aquí hai Semana Santa percorrerá as catro provincias en busca das mellores suxestións para pasar o tempo de lecer.

En cada edición, presentada por Lucía Rodríguez, estableceranse numerosas conexións en vivo con destinos apetecibles, falarase de gastronomía, da práctica de deportes ao aire libre, de zonas especialmente turísticas na nosa comunidade e tamén de procesións, todo un reclamo estes días nalgunhas localidades galegas.

Hoxe, Lucía Rodríguez daralles a benvida aos espectadores desde Lugo, desde onde dará paso ás reporteiras Natalia, Eva e Belén, situadas respectivamente en Pontevedra, A Coruña e Ferrol, para dar conta do ambiente previo que se vive nas rúas destas cidades con motivo dos pasos das procesións. Tamén na cidade do Lérez, o programa realizará unha excursión polos numerosos tesouros turísticos que alberga a súa ría, como Poio e Combarro; irá de paseo pola Coruña, xa que destacan os seus parques e xardíns, a súa dársena da Mariña e o seu paseo marítimo, e en Ferrol, os espectadores coñecerán ás primeiras portadoras que houbo en España, o Terzo Feminino da confraría de Dolores, que leva máis de 30 anos portando os tronos da Semana Santa desta cidade.