21 de abril de 2019
21.04.2019

A sobresaínte artesanía do Obradoiro de Gaitas Seivane logra o XII Premio Opinión Andaina Senlleira

O coro feminino Sisters in The House e a banda folk Samarúas serán outros dos participantes na cerimonia, que terá lugar o vindeiro 8 de maio no teatro Rosalía

20.04.2019 | 19:52
O grupo Entre Trastes nunha actuación na gala dos PREMIOS OPINIÓN 2007.

A décimo oitava gala da entrega de galardóns para os músicos galegos máis destacados dentro da música de raíz terá lugar novamente no fermoso teatro coruñés Rosalía de Castro. A cita para os amantes desta música será o vindeiro mércores 8 de maio ás 20.30 do serán e alí coñeceranse os artistas que logran levarse a casa a estatuíña creada expresamente para este premio polo artesán Javier Gaztañaduy.

Nesta edición a gran novidade consiste en que haberá outro galardón para premiar os nosos artistas. Creouse o premio para a mellor adaptación dunha peza tradicional galega, que se engade aos xa existentes de mellor disco, canción orixinal e artista, na que conta cada categoría con catro candidaturas de finalistas. Co novo premio preténdese pór en valor o noso acervo tradicional e dar a coñecer a revisión que ofrecen del os artistas do país. Non en van existen unha morea de versións das pezas da tradición elaboradas polos músicos galegos.

As actuacións da gala comezarán co coro Sisters in The House, unha agrupación formada por vinte mulleres. A formación foi fundada na Coruña no ano 2008 por Carmen Rey, quen se encarga da dirección musical e os arranxos, e Ángeles Dorrio. Dentro do seu repertorio móvense con naturalidade en estilos como rock, jazz, folk e soul. No seu repertorio atópanse temas da música popular galega aos que achegan a súa visión particular, cargada de modernidade. Esas son as pezas axeitadas para interpretar no decurso dunha gala que prestixia á música de raíz e as que poderán escoitar os espectadores presentes no teatro. Unha ocasión para se deleitar conxuntamente con voces ás que se pode escoitar noutros proxectos musicais exercendo como solistas.

Despois delas pisarán o escenario os compoñentes do grupo folk coruñés Samarúas. Naceron en 2012 e debutaron discograficamente o ano pasado con Prólogo, co que foron quen de chamar a atención do xurado, posto que lograron acceder como finalistas en dúas categorías. Ademais de competir para se alzar co galardón ao mellor disco do ano tamén lograron meter a canción Non entre as catro finalistas, un tema que non vai faltar dentro do repertorio elixido para o pequeno concerto de vinte e cinco minutos que teñen programado, no que tocarán dúas pezas que só interpretaron nun par de ocasións. O conxunto mestura composicións instrumentais e cantadas, onde contan coa bela voz de Tania Caamaño. Samarúas nunca actuara no teatro Rosalía e consideran que será "unha oportunidade única e fainos moita ilusión poder estar na gala. Como facemos unha música con detalles e matices cremos que o contexto de ser a actuación nun teatro vai axudar a como será percibida polo público".

Un proxecto de calidade

Entre Trastes xa pasaron polo escenario dos premios en dúas ocasións. A primeira foi en 2008. Daquela os galardóns entregábanse aos tres mellores discos do ano e esta formación lograra o segundo lugar nas votacións, polo que foron convidados a participar na gala. Un ano máis tarde foron un dos artistas que participou na homenaxe que se lle fixo a Milladoiro no seu trinta aniversario, no que varios grupos realizaron unha versión dun tema que antes xa fora interpretado pola histórica banda. O xornal LA OPINIÓN editou un disco chamado Perspectivas, que se entregou gratuitamente aos lectores, no que se incluían esas versións.

Entre Trastes son un cuarteto no que a percusión acompaña a tres instrumentos de corda: contrabaixo, guitarra e bouzouqui.

Dende que debutaran discograficamente, no ano 2007, non volveron facer nada e a organización decidiu convidalos a que realizasen novos temas coa idea de realizar o seu segundo álbum e que a presentación oficial tivese lugar na gala dos premios. Os compoñentes da formación estiveron a traballar estes últimos meses nas composicións e pretenden gravar o concerto para incluír no álbum temas gravados nas táboas do Rosalía.

Entre Trastes é un proxecto con calidade musical e unha formación atípica no panorama galego, que se enriquece con propostas deste estilo. Os seus compoñentes están en diferentes proxectos e a idea foi a de lles pór un punto de partida para elaborar novas pezas e provocar así que a música galega puidese gozar dun segundo traballo da banda. Os galardóns contan co apoio da Xunta de Galicia, por medio de Agadic, e o concello da Coruña, unhas presenzas imprescindibles para poder manter esta cita musical anual. Da presentación encargarase o xornalista Moncho Lemos, especialista en cine e música.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario


Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.