Jessica Rodríguez Sánchez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, Óscar Fernández Freire, coruñés de 17 anos, e Claudia Martínez Asenjo, compostelá de 11 anos, son os gañadores dos tres primeiros premios, nas modalidades de adultos, xuvenil e infantil, do II Concurso de microrrelatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal. O xurado, reunido onte na sede da RAG, escolleunos entre as case 500 propostas recibidas xunto a outros seis microrrelatos distinguidos cos segundos e os terceiros premios, asinados por amantes da escrita de todas as idades.

Os presidentes da RAG, Víctor F. Freixanes, e de PuntoGal, o académico Manuel González; a escritora e académica correspondente Mercedes Queixas Zas; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista e coordinadora de Luzes, Valeria Pereiras, conformaron o xurado que avaliou os relatos presentados ao certame, case un cento máis que na primeira edición.