O programa Ribeiras de salitre falará hoxe da propia arte de amar o mar e para facelo atracará no fermoso porto de Mugardos, onde se traballan o marisqueo e as nasas e aparellos, que exercen 70 homes e mulleres. Ademais de todo tipo de ameixa, berberecho e ostra, captúrase maioritariamente polbo e centola. O presentador do programa, X.H. Rivadulla Corcón, conversará con Pilar Regueiro, que falará do moito que lle dá ser mariscadora, e con Rosa Fraga, que traballa de garda peiraos, vixiando o bo estado das instalacións portuarias. Antes de comezar neste oficio non tiña ningunha relación co mar e tivo que aprender todo desde cero. O que leva media vida no mar é Pedro Cerviño, outro dos protagonistas desta tarde, que ama o seu mar, pero ten con el unha relación tormentosa, xa que lle resulta un traballo moi duro, pero ao mesmo tempo tamén lle gusta.

Sen dúbida, a ría de Ferrol, onde se atopa o porto de Mugardos, é sorprendente pola súa capacidade, pola moita calidade que ofrece nos seus produtos e, sobre todo, pola variedade, polo que os mariscadores e mariscadoras de Mugardos están pensando en tratar de explotar especies que ata agora non se traballaban neste porto, pero si noutros da ría, coma a zamburiña ou o reloxo. Destes plans de explotacións de novas especies falará Ribeiras de salitre con Omar Lucci, patrón maior e mariscador. Ademais, o equipo do programa dará un paseo polo porto de Mugardos con Juancho Rubianes, que foi mariñeiro primeiro e logo patrón da lancha de transporte de viaxeiros de Mugardos a Ferrol, moi importante para a vida na vila e para cada un dos seus veciños e veciñas. Juancho lembrará esa época e tamén como se dedicaba a facer encargos dos veciños que non podían ir a Ferrol.

Para comer, Ribeiras de salitre irá ao restaurante Posada del Mar, propiedade de Susana Carrodeguas, onde a cociñeira Ángeles Portela preparará unha caldeirada de abadexo, peixe sapo e sanmartiño.

A música do mar é moi variada, prodúcese en estilos moi diferentes, e un estilo moi propio desta comarca é a música que fan as corais, moitas veces en forma de habaneras. A coral Estelas do Mar, de Mugardos, agarda os espectadores do programa na igrexa de San Telmo para interpretar dúas fermosas cancións mariñeiras.