O equipo de Aquí Galicia estará hoxe na 28ª edición da Festa do Melindre e da Repostería Tradicional da Terra de Melide, que presume de ser a cita gastronómica máis importante da comarca de Melide. Os protagonistas indiscutibles da festa serán os tradicionais melindres, amendoados e cocadas, pero tamén haberá espazo no programa para os licores e vermús que se fan na vila. Ademais, o espazo da TVG irá coñecer as propostas dos alumnos de hostalería do EFA Piñeiral de Arzúa, que fan un obradoiro con doces desta comarca. Non faltará a música, que correrá a cargo da orquesta Finisterre, do grupo de música e canto tradicional Os Melidaos e dos artistas Xoán Curros, Irene Ruiz e Alberto Castro. Por se fose pouco, o grupo de baile da Asociación Cultural Alecrín interpretará unha salsa e unha bachata.

O programa que presentan Lucía Rodriguez, Juan Fuentes e Bernardo Montañez tamén estará presente no desfile de moda que organiza todos os anos a Asociación de Empresarios de Melide co lema Melide está de moda. Para saber máis sobre esta vila coruñesa pola que pasa o Camiño de Santiago, os espectadores verán os veciños falando sobre como é vivir alí, coñecerán os negocios e bares locais e descubrirán os mellores recunchos para pescar a troita en Melide da man da Asociación de Troiteiros. Ademais, o espazo conversará con algúns galardoados no Miss e Míster 3ª Idade, un certame de beleza que este ano celebrará a súa 26ª edición.