O Museo do Pobo Galego inaugura hoxe unha exposición centrada na figura de Antonio Fraguas,Antonio Fraguas homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, que se conmemora o venres. A mostra Antonio Fraguas Fraguas. Letras Galegas 2019 está dividida en dúas seccións, unha dedicada á biografía do intelectual de Cotobade (Pontevedra) e outra centrada nas diferentes vertentes do seu traballo „arqueoloxía, xeografía, historia e arte, etnografía e divulgación„.

A exposición é unha das actividades que programa o Museo do Pobo Galego para conmemorar a figura de Antonio Fraguas ao longo do ano académico 2018/19. En setembro está prevista a inauguración da exposición cos traballos premiados na undécima edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas: Pintando ou patrimonio, definimos a nosa identidade do CEIP Ana María Diéguez de Rianxo.

A mostra tamén incoporará as iniciativas vencedoras no concurso Iconografía sacra e profana non Concello de Silleda do CRP María Inmaculada do mesmo municipio pontevedrés.

Dous meses máis tarde, en novembro, o Museo do Pobo Galego acollerá un simposio sobre a figura de Fraguas que contará coa colaboración da Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega. Unha cita na que, ademais de pasar revista ao intelectual pontevedrés, unha serie de expertos presentarán unha visión actualizada dos coñecementos e a metodoloxía nas ramas respectivas das ciencias humanas, segundo informa o Museo do Pobo Galego.

Acto da RAG en Cotobade

Por outra banda, a Real Academia Galega (RAG) informou de que celebrará o Día das Letras Galegas que lle dedica a Antonio Fraguas (Cotobade, 1905-Santiago de Compostela, 1999) na súa terra natal, Cotobade, na carballeira de Famelga, na parroquia de Augasantas do concello de Cerdedo-Cotobade. O pleno extraordinario terá lugar ao pé dun espazo fundamental na traxectoria do homenaxeado, a escola onde por primeira vez un profesor soubo ver o potencial daquel rapaz que acabaría sendo un destacado etnógrafo e un profesor moi querido por moitas xeracións de alumnos e alumnas. Na sesión ofrecerán distintas perspectivas sobre a vida e o legado do intelectual o académico correspondente Clodio González Pérez, a académica de número Fina Casalderrey e o académico de número Francisco Díaz-Fierros Viqueira. O acto, aberto ao público, dará comezo ás 11.30 horas.