Galicia sitúase á cola de España en internet de alta velocidade por rede fixa. A dispersión poboacional e a orografía penalizan a unha comunidade que se debuxa a varias velocidades e na que, aínda que o 99% da poboación xa ten acceso a Rede, os datos reflicten que se atopa lonxe das medias nacionais en moitos parámetros.

O informe de Cobertura de Banda Ancha do Ministerio de Economía correspondente a 2018 sinala que o 99,74% da poboación ten en Galicia acceso a internet a través de 4G por tecnoloxía móbil, o que permitiría velocidades de máis de 2 Mbps (coñecidos como megas). Con todo, só o 86,79% da comunidade galega conta con cobertura de máis de 2 megas por redes fixas e a cifra descende ao 64,66% en canto a velocidades de máis de 30 megas. Para máis de 100 Mbps, a conexión por rede fixa situaríase no 61,53%, só por encima de Extremadura.

Un dos aspectos nos que Galicia se sitúa á cola en España é en velocidade nas conexións por ADSL, a que chega a través do cable de telefonía tradicional, cun 70,14% con 2 Mbps, o que a deixa como a última das comunidades de España, do mesmo xeito que na de 10 Mbps, que só se alcanza en pouco máis da metade do territorio.

O informe de cobertura mostra unha a comunidade galega con distintos niveis de velocidade na conexión a internet por redes fixas, aínda que non tanto por provincias. A Coruña conta cun ADSL a 2 megas no 70,82%, Pontevedra ao 70,86 e Ourense no 70,33 aínda que en Lugo a cifra cae até o 66,64, a máis de 20 puntos da media nacional. Uns 20 puntos de diferenza que tamén se reflicten cando se analiza a conexión a internet por ADSL a máis de 10 megas, na que ningunha das catro provincias galegas alcanza o 55%, cando a media nacional chega ao 71%.

Por outra banda, onte fíxose público que a UE elixiu a unha vintena de municipios galegos para a instalación de wifi gratuíta de alta velocidade en espazos públicos. Os municipios galegos seleccionados na provincia da Coruña son Abegondo, A Baña, Ordes, Pontedeume, Porto doSon, Ribeira, San Sadurniño, Valdoviño, Vedra e Vimianzo.

En total a Unión Europea seleccionou a 510 municipios españois e 3.400 de toda Europa, das 10.000 solicitudes presentadas, que recibirán unha axuda de 15.000 euros para financiar as instalacións das conexións de rede de alta velocidade, mínimo 30 megas, en espazos públicos. Os concellos dispoñen agora dun prazo de máximo de 18 meses para definir o proxecto e seleccionar os espazos municipais.