Actos en homenaxe do autor Antonio Fraguas e de reividicación da cultura e a lingua galega protagonizarán mañá o Día das Letras Galegas en toda a comunidade. Como é habitual a Real Academia Galega (RAG) celebrará un pleno extraordinario nun lugar vinculado ao autor homenaxeado e neste caso, os académicos trasladaránse ata a carballeira de Famelga no concello de Cercedo-Cotobade (Pontevedra). Ademáis a plataforma Queremos Galego volve convocar a cidadanía a sair á rúa en defensa da lingua galega, pero nesta ocasión non haberá unha única manifestación en Santiago senón que haberá concentracións en trece localidades. Na Coruña a protesta terá lugar as 12.00 horas na praza de Galicia.

Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, etnógrafo, historiador, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor e narrador oral, Antonio Fraguas Fraguas (Cotobade, 1905-Santiago, 1999) conta cunha biografía que ofrece un percorrido "por boa parte da historia galega do século XX no que contribuíu ademais a proxectar o galego como vehículo de expresión válido para calquera coñecemento", segundo indican na RAG, onde destacan "o seu compromiso coa lingua e a cultura galegas".

Para homenaxear a este autor „que afondou en temáticas tan diversas como a xeografía, a arqueoloxía e a historia e que estoudou a fondo a cultura labrega con temas como o entroido, as festas, as crenzas, as romarías ou as cantigas, presentes nos seus textos„ a RAG traslada o seu pleno extraordinario do venres ata a carballeira de Famelga na parroquia de Augasantas en Cotobade, ao pé da escola na que estudiou de cativo. Os membros da Academia Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz Fierros ofrecerán tres alocucións sobre distintos aspectos da vida e da obra do homenaxeado.

Por outra parte, Queremos Galego volve a convocar concentracións en defensa da lingua en trece localidades galegas. No caso da Coruña será unha concentración ante a sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para exixir "liberdade, igualdade e xustiza para o galego".A organización informou onte de que esta protesta irá no marco da dúcia de movilizacións convocadas nas principais cidades e vilas galegas con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas.

Baixo o lema Máis que nunca, Queremos Galego, o colectivo busca lembrar a importancia que os servicios municipais de normalización lingüística, as empresas concesionarias ou a formación do funcionariado teñen na "defensa" da lingua. Deste modo este ano amplíase a protesta mais aló de Santiago.