A alimentación, a vacinación e a homeopatía son os temas sobre os que máis bulos circulan entre os pacientes que asisten ás consultas de Atención Primaria, segundo revela unha enquisa realizada a case 800 médicos de toda España da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia e que se presentou onte no XXVI Congreso desta sociedade médica, que se celebra en Santiago. A partir destas enquisas, os responsables da iniciativa #SaludSinBulos e a SEMG elaboraron a primeira guía contra os bulos en Atención Primaria.

A guía pretende servir de axuda a todos os médicos que se enfrontan con pacientes desorientados polo bombardeo de bulos de saúde na súa contorna física e dixital. É o primeiro paso para que os pacientes deixen de confiar en calquera e sigan confiando no seu médico, que é quen se encarga de desmontar con argumentos científicos estes bulos . Estas cuestións abórdanse na guía porque, segundo a sociedade, cada vez hai mais pacientes que afirman "ter tal enfermidade porque o viron na internet ou llo dixo o seu veciño ou que lle pasaron por WhatsApp".